EconomíaEconomíaÚltima hora

Concentración en Ourense de gandeiros para pedir “medidas urxentes” ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

 

Esta mañá o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levaba adiante unha concentración reivindicativa fronte á sede da Consellaría do Medio Rural en Ourense para “demandar á Xunta de Galicia que, ademais de cubrir a morte dos animais, lexisle con carácter inmediato para cubrir o 100% os gastos veterinarios derivados da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), así como o lucro cesante provocado tanto pola perda produtiva dos animais que falecen como polos que finalmente sobreviven”.

A doenza do EHE, asegura este sindicato, “está a ser dramática e imparable, algunhas explotacións teñen máis do 80% da cabaña gandeira afectada. O persoal veterinario de clínica que se adica a animais de gando maior é moi pouco, e estase a ver moi desbordado”.

Canda estas dificultades, SLG-CCLL di que “nesta época ademais estase en plena campaña de recollida de forraxe e as granxas non dan abasto entre atender aos animais enfermos e á recollida de herba seca. Como moitas das explotacións afectadas están en extensivo, ao recoller aos animais para as mangas de manexo para os tratamento de repelentes antimosquitos de forma periódica os animais estrésanse e existe unha dificultade engadida para a súa recollida”.

Agora mesmo na provincia de Ourense obsérvase que a doenza “avanza de forma moi rápida e descontrolada e a incertidume e a preocupación das granxas é moi grande. A nivel de toda Galiza, dende o SLG estimamos que a día de hoxe o conxunto das perdas poden chegar a superar 20 millóns de euros para todas as granxas que se van ver afectadas”, sinalan dende o sindicato.

As persoas gandeiras reunidas hoxe en Ourense pedían de “xeito inmediato ás administracións públicas implicadas, é dicir, ao Ministerio de Agricultura e á Consellería de Medio Rural”, a “convocatoria de xeito inmediato das axudas prometidas e que se doten de orzamento abondo para cubrir as perdas que esta enfermidade vai supor ás nosas granxas. O presuposto que se rumorea neste momento anda nos 15 millóns para todo o Estado español. Este presuposto é totalmente insuficiente, so os cálculos feitos polo SLG estima as perdas aquí, na Galiza, de preto de 20 millóns. En todo caso esiximos que estas axudas cubran o 100% dos gastos veterinarios e calquera gasto directo e indirecto xerado por mor do coidado prestado ao noso gando enfermo”.

 

 

Tamén se solicita un “reforzo dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia para dar resolto e visitado do xeito máis áxil posible as granxas afectadas e tramitar de xeito eficiente e rápido as axudas que se doten para este fin. Inclusión en todo caso nas partidas a pagar o lucro cesante tanto o dos animais que morran como de aqueles os que lles poidan quedar secuelas derivadas da enfermidade, ou danos provocados de xeito indirecto por a mesma como pode ser pagar o lucro cesante por mor de xatos falecidos por mor da enfermidade da nai”.

O sindicato pide ademais a creación dun gabinete de crise ante a EHE e que se dote de persoal suficiente as comarcas “co fin de axudar as gandeiras afectadas que o precisen a manexos derivados da enfermidade (aparte rabaños, movementos…)” e garantías de “a vacinación que se recomenda dende a Consellería de Medio Rural é efectiva e non trae efectos secundarios”.

Back to top button