
Esta mañá Unións Agrarias vén de manter unha reunión con gandeiros afectados nas súas explotacións pola Enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), da zona de Viana do Bolo para informalos das medidas exixidas á Consellería do Medio Rural, -con competencias plenas en Sanidade Animal- “dada a crecente propagación da praga sen que as ganderías conten co apoio económico preciso e urxente para facerlle fronte”, informa o sindicato.
No encontro da comisión de seguimento da semana pasada esta organización puxo sobre da mesa a “necesidade de impulsar a vacinación e a activar as axudas que o sector precisa para facer fronte á doenza”. En concreto, UUAA reclama axilidade “tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Agricultura para que activen os orzamentos de choque comprometidos, 15 millóns de euros do Ministerio de Agricultura para todas as CC.AA. co obxectivo de cubrir as incidencias que están a sufrir as ganderías de vacún. Dese montante económico anunciado polo Goberno central a Galicia corresponderíalle 2,5 millón de euros aos que a Consellería do Medio Rural se compromete a cumprimentar con outros 2,5 millóns para ampliar o abano da medida”.
Desde a organización agraria estableceuse unha táboa de prioridades para tratar de paliar as perdas dos produtores:
.- Indemnización polas mortes de animais.
.- Reintegro dos gastos de medicamentos dos tratamentos.
.- Indemnización polos abortos nas granxas.
.- Cobertura dos custes de desinsectación das instalacións gandeiras.
.- Cobertura do custe da vacina contra a EHE
Así mesmo Unións Agrarias lembra “os problemas que xa se rexistraron na última campaña de saneamento gandeiro pola falla de efectivos suficientes para acometer en tempo e forma a campaña de vacinación da lingua azul”. Nese senso, a organización insta ao goberno galego “a reforzar os medios humanos e técnicos dispoñibles para garantir unha cobertura e un tratamento eficaz e áxil da EHE”.
Na xuntanza desta mañá destacouse “a necesidade de que os gandeiros garden todos xustificantes de gastos e perdas para que desde as oficinas de UUAA se poida pode reclamar logo as axudas xa que se vai a exixir que estás teñan carácter retroactivo”.