Esta mañá comezaban a funcionar as instalacións provisionais que ocupará a Garda Civil de Verín mentres duren as obras de construción do seu novo cuartel nesta localidade. Trátase dun espazo sito na antiga Praza de Abastos do municipio, cedido de xeito gratuíto polo Concello de Verín, o cal investiu ao redor de 20.000 euros para acondicionar o local ás necesidades deste uso temporal.
Durante o acto, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, informaba dos avances do proxecto de construción do novo cuartel de Verín, a cargo do Ministerio do Interior e que conta cun orzamento base de 6.310.604,58 € (IVE incluído). Precisamente, o pasado 12 de agosto, a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio abriu o procedemento de licitación coa súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público, onde as empresas interesadas poden consultar os documentos de contratación, o proxecto íntegro e os planos e memorias técnicas. O prazo para a presentación de ofertas remata o 5 de setembro ás 10 horas.
“Pedimos comprensión porque a propia Garda Civil está usando estas instalacións á espera dunha mellora e tamén pedimos comprensión aos cidadáns e aos usuarios dos servizos de seguridade que presta a Garda Civil porque o que se está facendo é intentar mellorar. Este é un investimento do Estado para mellorar en seguridade porque cremos que é un elemento fundamental para ter liberdade”, destacaba Santos.
Por outra banda, facía fincapé na importancia desta obra, xa que a Compañía de Verín, que conta con 95 traballadores, presta servizo aos concellos da Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Cualedro, Trasmiras, Laza, Castrelo do Val e Vilar de Barrio, os cales suman un total de 24.775 habitantes. “Esta inversión do Ministerio do Interior con fondos do Goberno de España ten como obxectivo mellorar a eficacia e o servizo que presta a Garda Civil en áreas rurais. A renovación das súas instalacións e recursos permite optimizar o traballo dos axentes e investir na seguridade dos cidadáns”, afirmou.
Ademais, o subdelegado explicou que o actual cuartel de Verín ocupa un espazo de cerca de 5.000 m2 de superficie construída no ano 1970 e este destacado investimento estatal posibilitará que a Compañía de Verín conte así cunhas instalacións totalmente novas, xa que se renovará integramente o bloque I para albergar 21 vivendas e se demolerán os tres bloques restantes. Estes tres bloques serán substituídos por un único edificio de tres plantas e soto, onde se emprazarán todas as unidades da Compañía (excepto o Destacamento de Tráfico). Finalmente, acondicionarase o exterior e os xardíns.

Santos engadía que nesta actuación do novo cuartel “haberá dúas etapas. Unha será a remodelación da estrutura completa das vivendas e outra a mellora das instalacións de servizos aos cidadáns. Polo tanto, é unha boa nova poder poñer en marcha este posto provisional porque vai poder seguir prestando o servizo coa mesma eficacia ata agora, pero ademais é unha instalación provisional que garante que dentro dunha tempada vai haber unha nova instalación do Cuartel da Garda Civil en Verín”.
Así a obra desenvolverase en dúas fases. A primeira será a renovación integral do bloque I, no que se sitúan as vivendas, que contará cun novo illamento exterior, tanto das paredes como da cuberta, así como as fiestras. Tamén se instalará unha iluminación máis eficiente. Por último, prevese a instalación de paneis solares para o abastecemento de enerxía. A segunda fase conlevará a demolición dos bloques II a V e construción do novo edificio de dependencias oficiais e urbanización.

Durante a presentación das instalacións provisionais, o subdelegado do Goberno en Ourense estaba acompañado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e por parte da corporación municipal; así como por outros rexedores da comarca como os de Monterrei e Laza, deputados provinciais e autonómicos; o tenente coronel xefe da Comandancia de Ourense, Rafael Berguillo; os comandantes José Benito Fernández Santamarina e Rodrigo García de la Rosa, e outros membros da Garda Civil.
Santos concluía agradecendo “a colaboración xenerosa do alcalde de Verín e do Concello que permitiron e fixeron un investimento para adecuar esta instalación como cuartel provisional ofrecer un servizo de calidade”.
O tenente coronel xefe da Comandancia de Ourense expresaba durante a súa intervención o agradecemento “ao equipo de traballo e, sobre todo, pór en valor aos dous comandantes que traballaron dunha maneira incansable e contrarreloxio para que estas instalacións provisionais puideran ser unha realidade e unha antesala do que vai ser o próximo acuartelamento de Verín, un acuartalamento do século XXI. Tamén quero agradecer o impulso das autoridades aquí presentes para que iso sexa unha pronta realidade. Non hai mellor aposta polo rural que tratar de que os nosos acuartelamentos estean en condicións”.
Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacaba que esta iniciativa resulta moi positiva e destacaba que esta instalación provisional é “ben para nós porque a Garda Civil segue cumprindo a súa función e ben para eles tamén están servidos, e sobre todo a poboación”. Ao mesmo tempo destacaba a importancia do investimento no novo cuartel.
“Esta é unha oportunidade que se presenta poucas veces e que encaixa perfectamente en todo o plan que temos pensado para o casco vello. A instalación da Garda Civil durante practicamente dous anos e medio vai a crear un clima de seguridade que vai ser moi difícil perdelo e para daquelas xa teremos a Policía Local suficiente, un corpo de policías locais que xa poderán manter esta seguridade. Grazas ao goberno e a Garda Civil”.
Seoane tamén se refería aos proxectos de posta en valor nos que traballa o goberno municipal dende hai nove anos e que está tendo unha afluencia “de público maior da esperada, entón imos manter un pouco o control. Primeiro é a seguridade, de feito nós imos montar pronto as cámaras nas outras rúas que non cobren; e temos contratada tamén a limpeza das pintadas e fachadas, así como a rexeneración das propias fachadas, o propio plan de rehabilitación e conservación do casco histórico está na fase final. E tamén dentro do propio plan vai a zona da igrexa e imos intentar rexenerar o casco vello”.
Fotos: O SIL.