
Do 23 ao 26 de agosto, veciños e visitantes da Pobra de Trives renderán culto a San Bartolomeu cun amplo programa que inclúe as actuacións de orquestras e grupos musicais, actividades para os nenos e ata un campionato de tute. O deporte tamén será protagonista coa carreira de San Bartoliño, o Día da Bici e o torneo de fútbol sala.
Para este venres 23 de agosto agárdase o concerto do Orfeón Trives e do Coro del Bierzo Canta, no Auditorio Xulio Vázquez dende as 19:30 horas. A orquestra América de Vigo actuará na rúa San Martín ás 23 horas.
O sábado 24 de agosto a xornada arrancará co pasarrúas da charanga Fuego e pola tarde celebrarase a carreira de San Bartoliño con catro categorías: prebenxamín (de 4 a 8 anos), benxamín (de 8 a 10 anos), alevín (de 10 a 12 anos) e infantil (de 12 a 14 anos). Todos os participantes levarán a súa medalla. Ademais, nas piscinas celebrarase un campionato de tute dende as 17 horas. Pola noite, a partir das 21:30 horas, a orquestra Galilea actuará na rúa San Martín.

A animación continuará o domingo 25 de agosto con pasarrúas e sesión vermú da chranga TDB e pola noite atuará o grupo Arizona na praza do Reloxo, a partir das 21:30 horas. Nesta xornada tamén se celebrará o Día da Bici que cambia de data para achegarse máis á Volta Ciclista a España e que contará con dous percorridos dende a praza do Concello.
O luns 26 de agosto, ademais da música polas rúas a cargo da charanga El Tattoo, dende as 17 horas haberá unha ludoteca con inchábeis e festa da escuma no patio de Santa Leonor.
Ata o domingo levarase a cabo o torneo de fútbol sala no pavillón municipal.



