ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xornada de homenaxe a Luis Nogueira en Vilamartín, cuxo polideportivo leva xa o seu nome

Entre os actos deste primeiro memorial figura tamén unha andaina ata San Vicente, localidade natal deste lanzador de xavelina veterano que foi varias veces campión do mundo

 

Vilamartín rende tributo nesta xornada ao atleta Luis Nogueira, natural deste municipio e que fora varias veces campión do mundo veterano en lanzamento de xavelina. Este deportista, falecido en abril do 2021, dá nome dende este 24 de agosto ao polideportivo vilamartinés. Arredor das 9:20h. descubríase unha placa co seu nome nestas instalacións municipais e tamén un busto do atleta, obra do escultor Xelo de Tremiñá. Ademais interviña o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, que daba a benvida aos asistentes, así como un membro da familia de Luis Nogueira, quen expresaba o seu agradecemento por esta homenaxe, cunha mención especial a “José Parra, que con moito agarimo nestes días previos á andaina adicou o seu tempo de lecer, con esforzo, a esta ruta para que non falte detalle nela”.

Tamén agradecía a colaboración de Ambulancias Sil, de Protección Civil e de todo aquel “que arrimou o ombro para facer posible esta homenaxe”. Despois, facía un repaso pola traxectoria deportiva de Nogueira, “o noso heroe”.

 

 

Deste xeito abríase o programa do I Memorial Luis Nogueira, que combina os actos de homenaxe cos deportivos. Así, ás 9:30h. dábase a saída dunha andaina de 9 km ata San Vicente de Leira, localidade natal do atleta, cun avituallamento en Cernego.

 

 

Unha vez en San Vicente, ás 13:00 tamén se descubría unha placa co seu nome para poñerllo a unha rúa, tamén unha escultura de Xelo de Tremiña coa colaboración de Pablo Deramond. O programa finalizará cunha comida popular.

Este memorial está organizado polo Concello de Vilamartín e o Club Adas Cupa do Barco coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, cos irmáns de Luis Nogueira, Xelo de Tremiñá e Pablo Deramond. Tamén colabora Esculpedra e Granival.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button