ConcellosO BarcoÚltima hora

Sae a concurso a remodelación dos servizos na contorna do BIC do Castro (O Barco)

Imaxe da Torre da Homenaxe do Castro./ Foto: O SIL.

 

O Concello do Barco vén de publicar o anuncio da licitación do proxecto de execución de servizos para a rehabilitación da contorna do BIC do Castro, que conta cun orzamento de algo máis de 291.000 euros e un prazo de execución de 10 meses desde a sinatura do contrato.

As empresas interesadas en optar a este concurso poden presentar a súas ofertas ata o 17 de setembro, incluído. Os servizos que se van a realizar con este proxecto son previos á terceira fase da rehabilitación do BIC do Castro, que se pretende executar unha vez remate a instalación dos servizos e que suporá a terminación dos traballos de recuperación da vila-fortaleza desenvolvidos nos últimos anos. A Deputación de Ourense cofinancia esta obra cunha subvención de 70.000 euros.

“As actuacións de rehabilitación que se levaron a cabo ata agora, correspondentes coas fases I e II, serviron para recuperar os espazos inmediatos á Torre do Homenaxe e o interior da primitiva muralla. Agora preténdese a remodelar os diferentes servizos urbanísticos (redes) existentes no resto da contorna que compón o núcleo do Castro, e que é todo o ámbito previsto para a terceira fase da rehabilitación do conxunto. Máis en concreto, procederase a repoñer e mellorar a instalación actual de abastecemento, realizada en varias fases ao longo do tempo e substituíndoa cunha rede nova que incorpore todos os rexistros e derivacións necesarios e cuxo trazado se adecúe ás obras de urbanización previstas na contorna”, segundo informa o Concello do Barco.

No que atinxe á rede eléctrica de baixa tensión, vaise soterrar a instalación aérea existente, tanto a de iluminación como a de forza, adecuándoa ao uso peonil da contorna do BIC do Castro. O trazado proxéctase para adecuarse á nova disposición de acometidas, rexistros e puntos de iluminación pública previstas no proxecto de rehabilitación da fase III do núcleo.

Do mesmo xeito que a liña de baixa tensión, vaise soterrar as liñas de telecomunicacións, ordenando as acometidas ás diferentes parcelas do ámbito en relación ao resto de subministracións. Por último, vaise repoñer e mellorar a instalación actual de saneamento facéndoa operativa e incorporando as derivacións e rexistros necesarios, adecuándoos aos trazados previstos no proxecto de rehabilitación.

As zonas de intervención son principalmente tres, tal e como avanza o Concello. A primeira, a coñecida como améndoa medieval, actuando nos camiños que completan tanto a conexión en estrutura radial coa Torre da Homenaxe como os aneis perimetrais que o rodean. Tamén se actuará no paseo do Castro, vial que representa a principal comunicación do núcleo coa súa contorna, ao ser o paseo que une a igrexa co Pazo do Castro. Discorre polo sur do conxunto, conectándose en varios puntos cos camiños que darán acceso á Torre da Homenaxe e que rodean o núcleo, dando lugar ademais a un cruzamento de camiños que actúa como praza e porta de entrada ao conxunto na súa zona central.

Ademais, a natureza sensiblemente chaira deste percorrido e a súa localización sobre a ladeira sur que cae cara ao núcleo do Barco de Valdeorras, fai que este se perciba nitidamente desde a contorna como a liña de referencia sobre a que se elevan a fortaleza, a Torre da Homenaxe, o conxunto das vivendas do núcleo e o Pazo do Castro.

Por último, actuarase nos camiños que comunican o núcleo coa ladeira norte, na que se atopan unha parte importante das vivendas que compoñen o lugar, moitas delas construcións tradicionais de interese que forman parte do conxunto histórico tradicional do Castro. “A recuperación e posta en valor destes camiños suporá unha conexión funcional necesaria dentro do núcleo, unha oportunidade de entender a relación do núcleo rural coa súa contorna natural, no que hai importantes zonas de viñedos e carreiros de interese”, segundo o Concello do Barco.

Back to top button