ConcellosO BarcoÚltima hora

AEVA e o CCA asisten por vez primeira á Xunta Local de Seguridade do Barco

Celebrábase esta mañá no Concello presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense e polo alcalde

 

Tal e como avanzara o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, nunha entrevista publicada en agosto no Periódico O SIL, as asociacións empresariais e de comerciantes vanse incorporar ás Xuntas de Seguridade Local co fin de que coñezan de primeira man e en base aos datos a realidade da seguridade cidadá dos municipios. Xa sucedía en Ourense e, neste 30 de agosto, tamén se facía no Barco. Así, no encontro celebrado esta mañá no edificio multiusos do Barco, presidido polo subdelegado do Goberno e polo alcalde, Alfredo García, participaban a xerente, Teresa García, da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), e o presidente do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Jacobo Arias. Tamén estiveron presentes a delegada territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, Beatriz Fernández; representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local do Barco.

Na xuntanza abordábase a situación no municipio, os casos de violencia de xénero, o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos e as previsións de seguridade de cara ás vindeiras festas locais. En canto á seguridade cidadá, os datos expostos na reunión reflexaron que no Barco de Valdeorras produciuse un lixeiro incremento dos delitos graves e menos graves, respecto ao mesmo período do ano anterior, aínda que se manteñen en cifras semellantes a outras vilas da provincia.

Esta pequena repunta débese, principalmente, á cibedelincuencia, segundo informa a Subdelegación. “Estafas por proporcionar datos bancarios mediante chamadas de teléfono, vendas fraudulentas a través de internet, ofertas de falsas compañías telefónicas ou bancarias, son algúns dos casos denunciados con maior frecuencia”.

Non obstante, neste senso, destaca o incremento da resolución de delitos graves, leves e infraccións administrativas por parte da Garda Civil en relación ao ano anterior.

En materia de violencia de xénero, todos os participantes na Xunta Local resaltaron a importancia da prevención, a educación e o seguimento dos casos. Destacando as forzas de seguridade presentes, a coordinación que manteñen entre elas nesta materia.

No tocante ás necesidades suxeridas durante a reunión, tanto a Policía Nacional (que conta cunha unidade de documentación no Barco), como a Garda Civil e a Policía Local do municipio coincidiron en que o incremento en medios e axentes tradúcese na mellora da seguridade para o cidadán. Por iso, o subdelegado do Goberno recolleu a súa solicitude e lembroulles que “cada ano a Oferta de Emprego Público estatal incrementa o número de novas incorporacións de gardas civís e policías nacionais en toda España. Concretamente en Galicia, vai haber 3.000 novos axentes en cada un destes corpos a partir da convocatoria que está en marcha neste momento”.

Eladio Santos rematou facendo fincapé en que “aínda que hai que abordar os problemas, como a ciberdelincuencia e as infraccións administrativas, O Barco é un lugar seguro e habitable”.

Ademais do subdelegado e o alcalde, tamén estiveron presentes a delegada territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, Beatriz Fernández; representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local do Barco; e foron convidados o Centro Comercial Aberto e a Asociación Empresarial de Valdeorras, para analizar en conxunto a situación do municipio.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button