CulturaCulturaÚltima hora

Entréganse os premios do Concurso Fotográfico Rosa Pons, de Parada de Sil

 

O salón de plenos do Concello de Parada de Sil acollía nesta semana a entrega dos premios da XVII edición do concurso Rosa Pons, no que competiron 369 fotos. Ao acto asistían o gañador da modalidade “Visións de Parada de Sil”, José Manuel Novoa de Piñor de Barbadás, coa foto a “Paisaxe enmarcada”, que recibiu o premio de 800 euros . Tamén recollía o seu premio o primeiro clasificado en tema libre que se desprazou dende Rivas-Vaciamadrid, Manuel Fernández, premiado con 700 euros pola súa foto “Tarde de Fútbol”.

O segundo clasificado na modalidade “Visións de Parada de Sil” foi Ramón Fuentes García da  Coruña coa foto “Mosteiro de Santa Cristina”, que recolleu o premio dotado con 300 euros. A maior parte das fotos presentadas nesta modalidade son de Ourense e Pontevedra, tal e como sinalaba o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.

Na modalidade de tema libre en segundo lugar quedou Endika Díaz de Amurrio (Álava) cun premio de 200 euros. “Tivemos participación de 14 comunidades autónomas e de Brasil, Argentina, Portugal e Uruguai por ese orde”, apuntaba o rexedor, que realizaba unha breve intervención salientando o seu agradecemento aos presentes, aos participantes e, nomedamente, a Camilo Yáñez, empresario de Parada afincado en Barcelona que patrocina este premio dende hai 17 anos. Para el pedía un forte aplauso, o mesmo que para a súa dona, petición á que respondeu o salón de actos cheo de público cun prolongado aplauso.

O alcalde tamén fixo un importante anuncio dicindo que se traballará “dende xa na edición dun libro que recolla as mellores fotos e os mellores microrrelatos, sempre a dicir dos respectivos xurados”.

Na segunda foto da galería de imaxes pode verse ao alcalde de Parada de Sil, na entrega de premios, cos dous premiados asistentes, dous concelleiros e Xose Antón, membro do xurado.

Fotos cedidas.

Back to top button