
O grupo municipal do PP do Barco abordaba no pleno celebrado o 5 de setembro o feito de que a revista “Viajar” escollera a esta vila como unha das localidades máis feas de España, nun ranking froito da intelixencia artificial, que se daba a coñecer a finais de agosto. Así, o voceiro popular Antonio Melo, pedía, a modo de rogo “que o Concello do Barco lle chamase a atención á intelixencia artificial porque non seremos a localidade máís bonita, pero o de ser a máis fea…”.
O alcalde do Barco, Alfredo García, sinalaba que “entrar en debates estériles non paga a pena, pero si teño que dicir que, persoalmente, de forma discreta, xa me puxen en contacto coa revista. A proposta vai noutro sentido, imos ver se nos poñemos en valor, máis que chamarlles a atención ou montar xaleo que non conduce absolutamente a nada, simplemente a que se fale máis diso”. E engadía que, “como é posible que poidan dicir iso e que saquen unha foto do río coas casas do casco vello, ¿alguén que vexa iso pode dicir que este é o pobo máis feo? A intelixencia artificial ten de todo, menos de intelixencia”.
Ademais os edís do PP tamén lle plantexaban ao grupo de goberno socialista, a modo de rogo, “que se revisen as baldosas soltas das beirarrúas porque agora veñen as chuvias e resulta moi perigoso”, dicía a edil Dosinda Arias. O alcalde barquense explicaba que “todos os días sóltase algunha baldosa, iso é inevitable”. Tamén indicaba que había un traballador que se dedicaba a iso, pero houbo baixas laborais que limitaron ese labor. “Cando pasen as festas si que imos volver outra vez con iso, pero si é certo que algunha si se arranxou nestes días. Estou de acordo con vostede con que é imprescindible facer ese mantemento”, dicía Alfredo García.
Outro rogo que plantexaba o PP, a través da concelleira Maite Estévez, referíase á colocación dos carteis cos nomes das rúas. “Queremos que se revisen esas placas xa que nalgunhas como, é a Xirimil, están á saída da rúa, e non ao inicio, o que dificulta a ubicación para os viandantes, polo que propoñemos que teñan en conta isto, xa que agora estanse substituíndo, que se poña unha ao inicio e outra ao final”. O rexedor barquense comentaba que inicialmente “ía en todas as rúas unha placa á entrada e outra á saída, pero pode haber algún erro, non o sei, revisareino. Incluso hai rúas que teñen máis de dúas”.
Finalmente, o concelleiro popular José Luis Tamayo presentaba un rogo sobre o “calibrado da regulación dos espellos de gran angular que hai nalgúns cruces. Hai algúns que non están ben axustados, por iso pedimos que o revisen”. Alfredo García respondía asegurando que se revisarán, “temos que proceder a substituír todos eses espellos, sobre todo onde hai bastante tráfico, e poñelos doutro diámetro”.