DeportesNataciónÚltima horaVídeos

Jorge Espinosa (Club Natación Valdeorras), terceiro absoluto na Triple Coroa Illas Atlánticas

Esta mañá celebrábase a terceira proba desta competición de augas abertas, cuns 23 km a nado entre Ons e Combarro

 

Un total de 23 quilómetros a nado en augas abertas. Entre a praia de Area dos Cans, na illa de Ons e Combarro (Pontevedra). Este era o percorrido ao que se enfrontaban os participantes na terceira e derradeira proba da Triple Coroa Illas Atlánticas, que se celebraba este 7 de setembro.

Entre os participantes neste auténtico reto deportivo estaba Jorge Espinosa, do Club Natación Valdeorras, que realizaba unha excelente actuación. Era un dos 11 nadores do Grupo A desta proba, cun total de cinco grupos. O seu era o último grupo en tomar a saída, ás 10:10h, e o primeiro en chegar. O nadador valdeorrés era o terceiro en tocar terra no seu grupo, sendo o terceiro absoluto da competición, cun tempo de 7 horas.

https://youtube.com/shorts/W5cFlLDGJJw?feature=share

A Triple Coroa Illas Atlánticas é unha das probas de augas abertas máis longas de Europa e está formada por tres probas anuais de ultrafondo, que suman 57 km a nado. Esta é xa a terceira delas na que participa Espinosa, tras realizar no 2022 os 15km desde as Illas Cíes ata Baiona, nun tempo de 4h11min. Quedaba primeiro de grupo e 19º da clasificación xeral entre 160 nadadores de España, Francia, Portugal e Cuba dos que 15 tiveron que abandonar. En setembro de 2023 nadaba entre Ribeira e Sálvora, logrando o primeiro posto do seu grupo, o verde (o segundo en velocidade). Foi ademais o primeiro en tocar terra nesta dura proba de natación, que inicialmente tiña previsto un traxecto de 19 km, pero acababan sendo 21 km os que facían os participantes. E lograba situarse noveno na clasificación xeral da proba.

 

 

Agora Espinosa completa a triple coroa subíndose ao podio con este destacado terceiro posto. Todo un logro para a natación valdeorresa. Trátase da travesía máis longa das tres realizadas e a duración media estimada prevese que estea por encima das oito horas, o que dá mostra da esixencia desta travesía.

 

A competición contaba cuns 140 nadadores participantes (128 españois e os restantes procedentes de países como Portugal, México, Francia, Italia, Cuba ou Andorra). A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a relevancia de eventos como a competición a nado Tripla Coroa Illas Atlánticas para divulgar os valores ambientais e patrimoniais do Parque Nacional.

Antes de saír desde o porto de Sanxenxo para achegarse en barco ata un dos grupos de nadadores que estaban disputando a proba, a responsable autonómica incidiu na dureza desta competición en augas abertas.

Fotos e vídeos cedidos.

https://youtube.com/shorts/Vj6mFtDGBmM?feature=share

 

Back to top button