
Dende a CIG-Saúde de Valdeorras vén de emitirse esta tarde un comunicado de prensa para “denunciar que neste 15 de setembro de 2024, o Sergas deixa sen cobertura médica ao Punto de Atención Continuada (PAC) que atende aos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e que atenderá ademais dende as 10 da noite tamén ao concello de Veiga”.
Tal e como se sinala neste comunicado, asinado polo delegado sindical de CIG-Saúde, Jesús Vilasánchez, “máis de de 4.000 habitantes do rural galego espallados por máis de 700 km cadrados de territorio de montaña estarán esta noite sen atención médica e máis de 3000 habitantes espallados por case 550 km cadrados levarán todo o día sen atención médica nos concellos de Viana e Vilariño”.
Así mesmo indica, que “dende a CIG enfrontarémonos a estas actitudes de todas as formas que poidamos e pedimos á poboación e aos grupos políticos que exerzan a máxima presión que poidan sobre a administración sanitaria exercendo o seu dereito a reclamar por escrito, e denunciar de ser o caso. E o mesmo pedimos aos representantes políticos destes concellos”.
Dende o Sergas aseguran que “un problema xurdido co profesional que debía cubrir a garda no PAC de Viana foi o que propiciou a situación existente”. E sinalan que, “en todo caso, todas as persoas que precisen teñen garantida a asistencia: as urxencias deriváronse ao PAC do Barco de Valdeorras e tamén a través dos efectivos do 061, que foron avisados da situación”.