
A Xunta de Galicia publica hoxe no Portal de Contratos Públicos a licitación dun novo expediente de contratación para o subministro de camas e mesas con destino ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
O Executivo galego consignou unha partida de 494.890 euros para dotar con novo mobiliario as áreas reformadas da Unidade de Cuidados Intensivos do centro hospitalario.
O novo expediente contará cun único lote no que se incluirán 25 camas para pacientes críticos, 5 camas de altas prestacións UCI e 30 mesas-atril.
As empresas que estean interesadas en participar neste procedemento teñen até as 14,00 horas do vindeiro 4 de outubro para remitir as súas ofertas.