Os enmascarados de diferentes partes de Europa tomaban na tarde do 21 de setembro o centro de Lisboa. Unha trintena de personaxes e manifestacións dalgunhas das festas de inverno máis senlleiras participaban a partir das 16:30h. no XVI Desfile Internacional da Máscara Ibérica, que se iniciaba na praza do Município e remataba no Rossio.

Entre esas tradicións había tres Entroidos ourensáns: o “Fulión”de Viana do Bolo, co seu telúrico son de bombos e a maxestuosidade das súas máscaras, os Boteiros; as Bonitas de Sande (Cartelle) coas súas singulares e os Follateiros de Lobios, co seu característico traxe feito con follatos de millo.

Outras mascaradas galegas presentes eran os Danzantes de Vilaboa de Cobres (Pontevedra), o Entroido de Samede (Paderne, A Coruña) e os Merdeiros de Vigo. Ademais participaban festas doutras comunidades autónomas españolas como Os Sidros e a Comedia de Valdesoto, os Máscaros de Rozaes e os Mazcaritos d’Uviéu (Asturias), as Carantoñas de San Sebastián-Acehúche e o Jarramplas (Cáceres), os Toros e os Guirrios de Velilla de la Reina e os Jurros e Castrones de Alija del Infantado (León) ou os Carnavales de Villanueva de Valrojo (Zamora).

E por suposto, nesta singular, sonora e rechamante comitiva de enmascarados que discorría polo centro de Lisboa non faltaba unha ampla representanción de ata 13 “mascarados” portugueses, entre eles os Caretos de Grijó (Bragança), os Máscaros de Vila Boba (Vinhais), os Caretos de Podence ou os de Arcas (Macedo de Cavaleiros). Ademais podían verse máscaras de Italia, os elegantes Mazquate de Venecia, e de Grecia, coas Volakas/Drama.
Fotos cedidas.
