En portadaSanidadeÚltima hora

12ª Semana da Lactación Materna, do 6 ao 12 de outubro no Barco

Incluirá dúas actividades unha xincana infantil e un encontro homenaxe de mulleres lactantes

 

Con motivo da Semana Mundial da Lactación Materna (SMLM), que en Europa celébrase do 6 ao 12 de outubro de 2024, baixo o lema “Pechar a Brecha: Apoio á Lactancia Materna en Todas as Situacións”, a asociación Nai a Nai organizará a 12ª Semana da Lactación Materna no Barco de Valdeorras. “Este ano, celebramos esta importante semana con dúas actividades especiais para promover o apoio e recoñecemento á lactancia materna na nosa comunidade”, adianta a presidenta da entidade, Lorena Prada.

“A celebración da SMLM, coordinada pola Alianza Mundial pro Lactación Materna (WABA) en colaboración coa OMS e UNICEF, subliña a importancia do traballo en rede entre o sector social que apoia ás nais lactantes e os sectores relacionados, co obxectivo de xerar unha causa común. Este ano, quérese destacar o vínculo crucial entre a lactancia materna e os diferentes ámbitos da vida, poñendo énfase no apoio integral que precisan as nais para levar adiante esta práctica fundamental. A primeira actividade celebrarase o domingo 6 de outubro: “A Aventura da Lactación” “, engade a presidenta.

Neste día, as familias poderán participar nunha divertida e educativa xincana, un xogo por equipos, dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos, no que terán que completar un gran quebracabezas mediante probas e preguntas sobre a lactación materna. Os equipos formaranse mesturando crianzas de diferentes idades, promovendo o traballo en equipo, a diversión e a aprendizaxe colaborativa.

O mércores 9 de outubro organizarase un encontro especial titulado “Historias de Lactación: Apoio e Reflexión para Pechar a Brecha”. Este evento está dirixido a mulleres de todas as idades que experimentaron a lactancia materna ou que estean no proceso actualmente. Será unha xornada de intercambio onde as participantes poderán compartir as súas historias e reflexionar sobre os desafíos e logros relacionados coa lactación, así como sobre o apoio social, familiar e sanitario necesario para mellorar esta experiencia.

Durante o encontro, formaranse grupos de traballo que debaterán temas clave como o apoio no ámbito laboral, as políticas públicas e o papel da sociedade no acompañamento das nais lactantes. A partir destas reflexións, xurdirán propostas que a nosa asociación buscará implementar no futuro co fin de mellorar o apoio ás nais que deciden amamantar.

Ambas actividades son de balde e levaranse a cabo no 4º andar do edificio da Biblioteca Pública, na rúa Academia Dequidt nº6, en O Barco de Valdeorras. É necesario inscribirse previamente enviando un correo a denaianai@gmail.com

A Semana Mundial da Lactación Materna celébrase cada ano na primeira semana de agosto a nivel global, e do 6 ao 12 de outubro en Europa, coincidindo coa semana 41 do ano. Este evento conta co respaldo da OMS, UNICEF e outras organizacións de saúde e sociedade civil, buscando sensibilizar e fomentar o apoio á lactancia materna, unha práctica fundamental para a saúde de nais e bebés.

“Convidamos a toda a comunidade a unirse e participar nestas actividades que buscan visibilizar e apoiar ás mulleres lactantes da nosa rexión”, indica a presidenta de De Nai a Nai.

Back to top button