EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O deseño de Leire Gómez (CEIP de Casaio), gañador do certame ‘Valdeorras Sostible’

Máis de 300 alumnos da comarca participaron neste concurso promovido por AEVA. María Tato (CEIP Condesa de Fenosa) era segunda e e Lara Prada (Colexio Divina Pastora) terceira

 

Máis de trescentos alumnos de sete centros escolares da comarca de Valdeorras (IES Cosme López e Colexio Pablo VI da Rúa; CEIP Condesa de Fenosa, IES Martaguisela e Colexio Divina Pastora do Barco; CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín; e CEIP de Casaio), de entre 10 e 13 anos, participaban no certame de deseño ‘Valdeorras Sostible’ realizado por AEVA co apoio do Inorde para “promover a economía circular e o comercio de proximidade”.

 

 

Así o indicaba a presidenta da Asociación de Empresarios de Valdeorras, Araceli Fernández, na entrega de premios ás gañadoras (un diploma e un vale de 150 euros para realizar compras en alomenos 4 establecementos asociados) que tiña lugar na tarde deste venres 4 de outubro.

O primeiro premio (deseño gañador) foi para Leire Gómez Calvo do CEIP de Casaio que apostou por un debuxo representando ao comercio cunha man sosténdoo; o segundo premio foi para María Tato Alonso do CEIP Condesa de Fenosa do Barco polo deseño ‘Valdeorras Mola’; e o terceiro para Lara Prada Vidal, do Colexio Divina Pastora do Barco cun logo coa mensaxe ‘Valdeorras Sostible’.

 

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández.

 

“O que fai especial esta campaña é que contou coa implicación de moitos centros da comarca aos que pedimos que convidaran ao seu alumnado a deseñar un logotipo e un slogan con esa idea de economía sostible (previa realización dun obradoiro de comunicación para presentar a iniciativa e reforzar os vínculos entre os sectores empresarial e educativo), tendo que agradecer a excelente resposta dos equipos docentes”, dixo a presidenta de AEVA, explicando que o deseño gañador, o de Leire será a imaxe dunha campaña para a que imprimirán bolsas de tea que repartirán polos comercios asociados.

 

A bolsa co deseño gañador.

 

Ademais de felicitar ás gañadoras polos seus fermosos deseños, Araceli destacou que esta iniciativa supón, “por unha parte fomentar a participación da comunidade na promoción e apoio ao comercio local; a promoción dunha identidade unificada entre os negocios asociados a AEVA; e a estimulación dun consumo responsable, no que a marca ‘Valdeorras Sostible’ sexa non só un nome se non o propósito que inspire toda a nosa actividade e o futuro da comarca”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Back to top button