A partir das 11h. deste 17 de outubro, instalábanse mesas informativas da Asociación Española contra o Cancro na praza do Concello do Barco, así como na Rúa e en Petín, con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama. En cada unha delas, ademais de material informativo da campaña, as voluntarias da asociación en Valdeorras tamén entregaban caraveis e lazos rosas ás persoas que se achegaban por ese punto.

No marco do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense reivindica ‘O rosa é só rosa, pero contigo é apoio e investigación’. Esta campaña busca “poñer de manifesto que aínda queda moito por facer e que detrás desa cor hai investigación, apoio e acompañamento. Baixo este lema, quérese facer foco nas necesidades de pacientes e sobreviventes de cancro de mama para concienciar á sociedade sobre o que significa vivir e sobrevivir ao cancro de mama”.
Fotos: A.R.