A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín viaxa estes días a México para promocionar o destino transfronteirizo Chaves-Verín na Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar – Termatalia. A cita, que reune a uns 200 expositores de 25 países de todo o globo, celebrarase no estado de Coahuila até o vindeiro sábado 1 de outubro.
Alí, a Eurocidade tamén dará a coñecer a ruta termal e da auga Verín-Chaves-Vidago. Cun stand turístico, mostran a marca baixo o lema “visit Chaves-Verín, a eurocidade da auga”. A axenda da AECT complétase con reunións con turoperadores, conferencias de prensa con medios especializados e reunións sectoriais. As previsións falan de que máis de 20.000 persoas pasarán por esta feira até o día do peche.