Delicioso recendo a castañas asadas na praza do Concello do Barco, onde esta mañá cobraba vida o Magosto Obarcoaberto do Centro Comercial Aberto (CCA) na praza do Concello do Barco. Esta é xa a cuarta edición desta campaña, que se desenvolverá neste 18 de outubro e tamén o día 19. Trátase dunha acción de dinamización que busca poñer en valor a tradicional festa do Magosto e ofrecer aos clientes unha campaña atractiva”, din dende a asociación, que preside Jacobo Arias.
A campaña consiste na instalación dunha locomotora de castañas asadas na praza do Concello do Barco onde os clientes poderán intercambiar tíckets de compra dos establecementos asociados por un cornete de castañas asadas, totalmente gratis. Eran xa numerosas as persoas que se achegaban ata a locomotora a recoller as súas saborosas castañas.
O Magosto Obarcoaberto do CCA O Barco celebrarase durante os seguintes días e horas:
Venres 18 de outubro, de 10:30 a 13:30 horas e de 18:30 horas a 20:30 horas
Sábado 19 de outubro, de 10:30 horas a 13:30 horas
“Os clientes só entregarán tickets actuais, é dicir, de compras realizadas durante a celebración da campaña; e poderán presentar como máximo dous tickets ao día”, matizan dende a organización.
Fotos: O SIL.