SanidadeÚltima hora

IV Xornadas de Investigación Biomédica da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

 

As IV Xornadas de investigación biomédica da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras poñíanse en marcha esta mañá en Ourense e continuarán ata mañá, 26 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcarce da cidade das Burgas. Trátase dun foro no que se presentan os resultados obtidos e os proxectos futuros nos que participa o persoal investigador clínico desta área. “A investigación biomédica aporta beneficios aos pacientes porque lles permite optar a posibilidades terapéuticas ou de digno que senón non poderían ter, porque os resultados da investigación transfíerense á sociedade. Tamén beneficia aos médicos actualizanos os coñecementos e apórtanos habilidades e a institución sanitaria obtén persoal máis capacitado, motivado e con máis capacidade de desenvolvemento”, comenta o presidente do comité organizador, o doutor Joaquín Cubiella.

O acto inaugural corría a cargo do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que estaba acompañado polo xerente da área sanitaria, Santiago Camba Bouzas, e polo presidente do comité organizador, Joaquín Cubiella Fernández.

 

 

 

O conselleiro resaltaba que a investigación biomédica é fundamental, posto que xera recursos para o propio sistema, ademais de incrementar a capacitación e motivación dos profesionais e, o que é máis importante, ten un impacto directo no benestar da poboación. E incidía en que investigación en Galicia “é un patrimonio conxunto do ecosistema sanitario e das universidades galegas, e acceder a ela é un dereito pero, tamén, unha responsabilidade de todos que hai que afrontala sen perder de vista o obxectivo final de trasladar, de xeito áxil e eficaz, os resultados da investigación á práctica sanitaria”.

Sinalaba que estamos a vivir nun tempo de avances disruptivos que “requiren dunha maior conexión entre a asistencia sanitaria e o ecosistema de I+D+i”. Ao respecto, para facilitar esta conexión, Gómez Caamaño puxo en valor que en Galicia se están a dar pasos adiante co desenvolvemento tecnolóxico, a compra pública innovadora e sistemas avanzados como a intelixencia artificial, o big data e a xeneralización do diagnóstico xenético. Polo tanto, estas ferramentas están a posibilitar a transformación da relación cos pacientes e a conexión entre investigación e práctica clínica.

 

 

 

Gómez Caamaño resaltaba finalmente a importancia deste tipo de xornadas, onde se presentan resultados e proxectos en curso, e onde se fomenta a investigación multicéntrica e traslacional. Tamén destacou o papel fundamental de impulso e soporte que supón a colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur.

A xornada contará con diversas actividades: presentación de resultados e de proxectos de investigación, conferencias e mesas de debate nos que se expoñan aspectos relevantes para promover a investigación da área sanitaria ourensá.

Back to top button