SanidadeÚltima hora

Despedida do doutor Manuel Caramés, pediatra no Barco durante 26 anos

Os seus compañeiros no Centro de Saúde facíanlle unha agarimosa despedida neste 28 de outubro, o seu último día en consulta

O doutor Caramés, coas súas compañeiras na despedida que lle facían esta mañá. De esquerda a dereita: a doutora Eva Matías, as enfemeiras de Pediatría Beatriz e Araceli e a doutora Nieves Martínez, que tamén foi pediatra no Centro de Saúde do Barco./ Foto Cedida.

Realmente non será ata o vindeiro 19 de decembro cando se xubile, pero este 28 de outubro era o derradeiro día na consulta para o doutor Manuel Caramés, que leva exercendo como pediatra 26 anos no Barco. “Faltaban as vacacións e os días de permiso que se engaden polos traballados, entón hoxe foi o último día de traballo. Aos pais e mais funllo comentando nestes días previos e hoxe foi a despedida cos compañeiros”, comenta o doutor Caramés.

Natural de Zamora, formábase en Medicina na Universidade de Compostela, onde coñecía a súa muller, Antonia González, de Roblido (A Rúa), tamén médico. “Naqueles tempos non era como agora, que parece que se pode escoller a onde ir, había moi pouca oferta de traballo, entón traballei un tempo en Zamora, e despois, unha vez que Antonia colleu praza como médica en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), foi cando preparei o MIR e escollín a especialidade de Pediatría”, lembra.

Os seus primeiros destinos como pediatra foron Lugo, Quiroga, San Clodio e Escairón e, finalmente O Barco. “Na primeira etapa eramos 5 pediatras, tres de hospital e dous de primaria, que faciamos atención conxunta no hospital. No 2002 os de primaria pasamos ao centro de saúde e deixamos de facer atención hospitalaria”, conta.

 

 

Son moitos anos de profesión, dos que fai un balance moi positivo. “Primeiro porque sempre traballei a gusto no Centro de Saúde, tiven a sorte de contar con compañeiros bos cos que me entendín en todo momento, tamén co grupo de enfermeiras, que foron as que máis rotaron por aquí, todas as que pasaron foron moi competentes e con moi boa disposición de traballo, nunca tiven ningún problema”, resalta. Se ben recoñece que deixa a profesión con preocupación “polas circunstancias actuais de falta de pediatras, van a ter unha atención, pero ¿quen lles vai facer o seguimento, que é tan importante? Esa preocupación téñoa porque, ao fin e ao cabo, non deixas de ter un vínculo coas familias”.

A partir de agora comezará para o doutor Caramés unha nova etapa vital, na que entra satisfeito pola súa traxectoria pero tamén, recoñece, con certa tristura. “Chega o momento e hai que dar o paso, pero por outra banda, esta mañá notaba unha sensación de tristeza ao recoller todo, ao despedirte dos pais e das mais, dos compañeiros, cos que hoxe estiven recordando anécdotas… Con todo a vida pasa moi rápido e hai que iniciar outra etapa”.

Back to top button