
O Concello do Barco pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos para os afectados pola DANA. O alcalde do Barco vén de acordar cos responsables de varios dos supermercados radicados no municipio o inicio, a partir do luns, dunha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros e artigos de aseo para o seu envío aos afectados pola DANA.
“En colaboración con Protección Civil, os supermercados instalarán carriños nos seus centros, nos que os interesados poderán ir depositando as súas doazóns. Desde a Federación Valenciá de Municipios solicitouse a colaboración dos concellos de todo o territorio español, especificando a necesidade de auga, leite, alimentos non perecedoiros e artigos de aseo persoal”, segundo o Concello.
Protección Civil do Barco encargarase da recollida das apartacións que se realicen nos supermercados, e do seu traslado ao Multiusos do Barco, onde se levará a cabo a súa clasificación e posterior traslado a Valencia, seguindo as instrucións da Federación Valenciá de Municipios.
O Concello do Barco “quere mostrar o seu apoio a todos os afectados por esta DANA”, e “solicita a colaboración da veciñanza para que, cada un na medida das súas posibilidades, colabore cos afectados por esta catástrofe”.