
O atletismo galego di adeus a un dos seus deportistas de referencia. Falecía Benxamín Fernández Yáñez “Xamín”, natural de Soutipedra (Manzaneda) e vinculado a Petín na súa mocidade, que na tempada 1983-84 proclamábase campión de España en 1.500 m en pista cuberta.
Anos atrás, xa retirado da alta competición, no 2010, recibía unha sentida homenaxe do Concello de Petín con motivo da organización do I Campionato Galego de Media Maratón-I Media Maratón Vila de Petín. Daquela. Nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL, expresaba o seu agradecemento por este recoñecemento e tamén aseguraba que seguía facendo atletismo aínda que a nivel de afeccionado.
Dende a Federación Galega de Atletismo (FGA) emitíase un comunicado no que se lamenta fondamente a súa perda. “Xamín fora un dos máis importantes atletas do medio fondo estatais da época dos anos oitenta chegando a lograr varios títulos de España e a ser catro veces internacional”.
Así mesmo, lémbrase que “ás ordes doutro magnífico adestrador, Ricardo Gurriarán, lograrían nas pistas santiaguesas da Universidade dar forma a un proxecto deportivo que logrou codearse cos Abascal e González, estandartes de toda a época gloriasa do noso deporte da que Xamín foi peza fundamental. Comprometido politica e socialmente, vivía apartado das pistas desde fai moitos anos. Unha longa enfermidade acababa ca vida dun dos bos e xenerosos do noso deporte, cuxa vida foi recollida polo gran Emilio Navaza nos seus escritos de Vida Atlética de Galicia”.