SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade, no III Congreso de persoas con Cancro e Familiares que a AECC celebra en Ourense

A extensión dos cribados poboacionais, a incorporación dos tratamentos Car-T ou o futuro Centro galego de Protonterapia son algunhas das iniciativas nas que traballa a Xunta

 

Esta tarde o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaba no III Congreso galego de persoas con cancro e familiares, que a Asociación Española Contra o Cancro está a desenvolver na cidade de Ourense. No encontro o conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta de dotar o sistema sanitario público coas mellores ferramentas de prevención, diagnóstico e tratamento na loita contra o cancro e incidiu en que mantén entre as súas prioridades combater unha enfermidade que afecta a miles de galegos.

Gómez Caamaño apuntaba na súa intervención que os estudos apuntan a que 1 de cada 2 homes e 1 de cada 3 mulleres terán cancro ao longo da súa vida. Uns datos, dixo, que deben chamar á reflexión e servir para estar preparados para afrontar a enfermidade. Incidía en que os avances científicos, os avances acadados na prevención e na resposta e os tratamentos punteiros teñen permitido mudar os datos de supervivencia da enfermidade.

Así mesmo salientaba o “traballo e esforzo permanente do sistema sanitario público para poñer á disposición das persoas que padecen esta enfermidade todos os medios posibles, plasmado na Estratexia de xestión do cancro, a folla de ruta coa que conta o sistema sanitario galego para reducir a incidencia desta enfermidade, xa que permite intervir e controlar os factores de risco, ao tempo que contribúe a promover a súa prevención e diagnóstico precoz”.

Sobre este particular, o conselleiro subliñaba o importante labor que se está a facer para implantar e ampliar o programa de cribados poboacionais, en alusión ás pilotaxes que se están a realizar sobre o cancro de próstata e o cancro de pulmón. E lembraba que o departamento que dirixe tamén traballa na incorporación das novas tecnoloxías, como é o caso da explotación masiva de datos ou da intelixencia artificial, para optimizar os seus diagnósticos.

Do mesmo xeito, e co ánimo de achegar os tratamentos máis punteiros á poboación galega, Caamaño precisou o importante salto de calidade que suporá o contar co futuro Centro de Protonterapia, ou o dispor xa dun Centro de produción de terapias avanzadas (Car-T).

“Desde a Xunta, e en especial desde a Consellería de Sanidade, temos o compromiso de acompañar ás persoas con cancro, non só desde o punto de vista médico, senón tamén no emocional, psicolóxico e social”, remarcou Gómez Caamaño, quen tamén aludiu ao importante papel dos familiares e achegados das persoas que sofren cancro.

Lembrou que o Servizo Galego de Saúde tamén está a traballar na humanización dos espazos nos centros sanitarios, con iniciativas de mellora como as obras da sala de espera de Oncoloxía no Hospital Clínico Universitario de Santiago, que se iniciarán en breve e beneficiarán a máis de 10.000 persoas; ou as próximas actuacións que se acometerán nos centros hospitalarios de Ferrol, Vigo e Ourense.

Back to top button