As rúas do Barco convertíanse na mañá deste 16 de novembro nun circuíto de atletismo. Ás 11h. poñíase en marcha diante do polideportivo de Calabagueiros a XVI Carreira Popular dos Santiños, que por vez primeira era Copa Deputación de 5 km ruta. Unhas 135 persoas inscribíanse nesta edición, das cales máis de 70 competían na proba absoluta de 5 km.
Estes atletas tiñan que dar dúas voltas a un circuíto de 2,5 km completamente urbano e chairo que discorría polas rúas habituais, chegando ata o Paseo do Malecón, onde se xiraba para regresar cara Calabagueiros.
Nesta edición dominaba claramente Ricardo Vázquez (Adas), que entraba comodamente en meta. En segundo lugar chegaba Pablo Alonso (Asociación Deportiva e Cultural Boutureira) de Rubiá, sendo terceiro na xeral Manuel Enrique Estévez (Adas Cupa).
No apartado feminino, a primeira clasificada era Elena Ledo (Adas), mentres que a segunda muller en completar o percorrido era Martina Tasende e a terceira a norteamericana Cameron Weiner.
En categoría Sub16 os ganadores eran Saúl Crespo e Emma Fernández.

Por outra banda, a partir das 12h. iniciábanse unha serie de carreiras das categorías da base nas pistas de atletismo. Unha vez máis, este evento deportivo tiña carácter solidario a beneficio de Cruz Vermella en Valdeorras, xa que nel recollíanse xoguetes novos. O stand para a recollida do “Xoguete Solidario” situábase no Estadio de Calabagueiros onde os atletas e calquera persoa, podían doar xoguetes.
Esta Carreira dos Santiños estaba organizada pola Delegación en Valdeorras da Federación Galega de Atletismo (FGA) e polo Adas Cupa co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello do Barco. Ademais a organización contaba coa colaboración da Policía Local, dos voluntarios de Protección do Civil do Barco, O Bolo, A Rúa, Petín, A Veiga e Vilamartín e da Cruz Vermella.
Fotos e vídeos: A.R.