
A proposta de crear unha Casa da Xuventude do Barco que o grupo municipal do BNG levaba ao pleno como moción non lograba saír adiante. Malia lograr o respaldo do PP, non conseguía o apoio do grupo de goberno socialista nunha votación na que se producía un empate de 8 votos a favor e oito en contra (PSdeG-PSOE), pola ausencia do edil socialista Aurentino Alonso. O alcalde, Alfredo García tiña que facer uso do seu voto de calidade para resolver a votación, na que iniciativa quedaba rexeitada.
A moción era exposta previamente polo concelleiro nacionalista Xavier Rocha, quen explicaba que “ao BNG do Barco preocúpanos profundamente que o noso concello non teña Casa da Mocidade. Concellos menos poboados como Curtis ou Chantada, xa teñen este tipo de instalacións, o que fai que nos preguntemos por que nós non. As Casas da Mocidade son espazos vitais para o desenvolvemento e crecemento persoal e social dos mozos e mozas da nosa comunidade. Esta é unha reivindicación historica e que nos leva pedindo a xuventude dende hai moitos anos”, indicaba.
Ademais, Rocha detallaba as funcións que podería cumprir este tipo de instalación, tales como “orientar e asesorar á mocidade , garantindo que toda a poboación moza do concello teña acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada en relación aos seus intereses e necesidades. Organizar, xestionar e promover programas e actividades formativas no marco da educación non formal orientadas a facer efectivas a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento integral da mocidade a nivel formativo, laboral, familiar, etc.. Organizar actividades de ocio e tempo libre. Organizar actividades para mellorar a calidade de vida da mocidade e fomentar o deporte, o ocio saudable, a educación en valores, a igualdade, interculturaliadade, violencia de xénero, etc.. E favorecer a participación da mocidade na vida social e comunitaria, a través de grupos informais e asociacións xuvenís”, entre outras como ensaios de grupos musicais.

Neste senso o BNG pedía que o Concello do Barco levase adiante a construción nova ou rehabilitación dun edificio para albergar a casa da mocidade. E plantexaban tres posibles propostas para a súa ubicación: a planta alta da Casa do Río Cigueño, a zona do Casco vello ou o antigo matadoiro.
No relativo ao persoal, o BNG sinalaba que “un responsable de Cultura podería desenvolver o seu horario de traballo nas novas instalacións, polo que non sería necesario contratar persoal. Á parte, o edificio debe estar automatizado e vídeo-vixiado para permitir a entrada de persoas cando o persoal do concello non estea no edificio”. E falaba dun orzamento aproximado duns 100.000 euros, agás no caso de que se realizara no antigo matadoiro.
Na quenda de intervencións, a grupo municipal do PP, a través da súa concelleira, Dosinda Arias, expresaba o seu apoio á iniciativa. “Nós vémolo como unha boa iniciativa, estano facendo noutras vilas e a verdade é que dá moi bo resultado e a verdade é que algo necesario para os nosos xóvenes e no anterior pleno xa se tiña preguntado por algo similar. Os adolescentes aquí non teñen no Barco moita opción de facer cousas, entón nós vémolo favorable”.
Por parte do grupo de goberno socialista, o alcalde Alfredo García, indicaba que “nós non imos discutir a necesidade de que haxa unha Casa da Mocidade, teño que dicir que xa este ano dende a Concellería de Cultura houbo grupos de traballo nos que abordou o tema dunha Casa da Xuventude, entón ese é un tema que se pode debater. O que non estamos dispostos é a asumir un compromiso que non vai máis aló que un brinde ao sol, entón é imposible facer ou adaptar ningún edificio para Casa da Mocidade porque só poñer un sistema de calefaccion e aire acondicionado neste edificio, sen tocar nada, xa vale 100.000 euros ou quizais máis. Todo o demais son brindes ao sol”.
Ademais o rexedor aseguraba que “non é certo que no necesita persoal un edificio destas características, alí ten que haber persoal como en todos os edificios que abre a administración en todas as partes deste país e iso non se resolve cunha persoa soa, senón de dúas” e que “terá que ter actividades polo menos os sábados”, tamén “falamos de alguén que limpe todos os días o edificio, falamos da enerxía eléctrica, da calefacción, etc. Polo tanto, non falamos de 100.000 euros, senón dunha cantidade importante, que é certo que estaría ben, si, que Chantada e Curtis teñen unha Casa da Mocidade, si, pero por exemplo, non teñen conservatorio. Uns concellos teñen unhas cousas e outros, outras”. E aseguraba que os edificios municipais están “todos ocupados neste momento por asociacións e clubs” e que lle “están dando voltas a unha posible opción”.
Así mesmo Alfredo García indicaba que para levar a cabo esa iniciativa “ou subimos impostos ou retiramos cartos doutros servizos ou quitamos servizos. Isto merece un estudo. Nós temos outro concepto da Casa da Mocidade, así que nós non imos apoiar a moción”.
Ante isto, o concelleiro do BNG contestaba, con relación ao persoal, que “a Casa da Xuventude de Ourense está autoxestionada e videovixiada, ou sexa que isto xa se fai noutros sitios e non é ningún problema e con tecnoloxía barata. E igual é mellor ter un espazo ben axeitado por 100.000 euros que nada, é que agora non temos nada. Vostede fala de que é un orzamento grande, pero en 25 anos igual se podía ter empezado a planear algo. E penso que O Barco co grande que é unha Casa da Mocidade para facer todo este tipo de actividades, necesítaa, creo que lle viría moi ben”.
O alcalde concluía apuntando que “nós non dicimos que non se estude isto e que non avancemos neste sentido, pero cando saibamos que terreo pisamos, cando estudemos que se fai noutros sitios veremos se pode ser nun local pequeno, ou non, iso require un estudo. Aceptámolo como motivo de reflexión pero non queremos asumir ese compromiso a día de hoxe”.
Fotos: O SIL.