ConcellosO BarcoÚltima hora

Sae a licitación a primeira fase da obra de humanización da Rúa da Igrexa de Vilanova (O Barco)

Concello do Barco./ Foto: A.R.

 

O Concello do Barco ten publicado no perfil do contratante a licitación da primeira fase da obra de humanización da Rúa da Igrexa de Vilanova, cun orzamento de execución de 130.000 euros. As obras consistirán no acondicionamento do tramo comprendido entre a praza situada na rúa Camiño dos Pacios e praza e a rúa da Igrexa.

“Esta rúa atópase nestes momentos deteriorada, debido á súa antigüidade, pero tamén ás múltiples reparacións realizadas no pasado nas infraestruturas de abastecemento, saneamento e rego que se atopan nesta vía. A realización das obras comezará coa demolición do pavimento existente, para logo proceder a súa reposición, seguindo unha estética acorde aos bens protexidos existentes nesta zona, e que teñen unha gran importancia arquitectónica”, segundo asegura o Concello.

Tamén as infraestruturas, que son moi antigas, van ser renovadas, e o proxecto tamén prevé o soterramento dos actuais tendidos aéreos da instalación eléctrica, así como a creación de novas canalizacións soterradas, en previsión das futuras necesidades de infraestruturas.

“Con esta actuación preténdese mellorar a calidade de vida dos residentes no núcleo de Vilanova”, ao humanizar unha das súas rúas centrais para convertela nun entorno atractivo “que invite ao disfrute do aire libre e anime á reunión dos veciños, coa creación dun área agradable”, di o proxecto.

As empresas interesadas en concorrer á execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o 7 de xaneiro. O prazo de execución da obra é de 4 meses desde a data de sinatura do contrato.

Back to top button