
O vindeiro sábado, 28 de decembro, ás 18:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá unha das citas máis esperadas da axenda cultural da Vila do Támega: o tradicional concerto de Nadal da Banda de Gaitas Nova Era. Este ano, baixo o título “A un paso dos dez”, a agrupación ofrecerá unha tarde única que servirá como adianto das celebracións polo seu décimo aniversario.
«Os Concertos de Nadal de Nova Era son moi especiais para nós, como músicos, pero sabemos que tamén o son para o público que máis nos arroupa. Nos últimos anos viramos os concertos en Verín a outros formatos nos que apostamos por levar a nosa música á rúa e a outros espazos. Pero voltar ao escenario do Auditorio ten certa maxia que agardamos trasladar. É un reencontro co público e con nós mesmos. E será un repertorio á altura, con pezas que sen dúbida farán cantar e palmear melodías ben recoñecidas. Un concerto no que “Volverá a nostalgia”, “xogaremos aos nosos xogos” coas “anduriñas” e darémonos moitos “bicos e flores”», Contan e bromean Álvaro Isaac e Daniel García, directores da banda, sobre o que pode agardar o público nesta cita.
Máis dunha trintena de músicos subirán ao escenario para ofrecerlle ao público un repertorio que combina ritmos tradicionais galegos, melodías doutros países e versións de temas pop e de autor. Esta mestura de tradición e modernidade é o sinal de identidade dunha banda que, ao longo de case unha década, soubo reinventar a música de raíz para conquistar novos formatos, públicos e escenarios.
Dez anos dinamizando a cultura musical de Verín
Fundada hai case unha década, a Banda de Gaitas Nova Era converteuse nunha auténtica referencia musical e cultural. Ao longo destes anos foron máis dun centenar de músicos os que colaboraron no proxecto levando a música -e o nome de Verín- a escenarios como o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, República Checa, Francia ou Portugal.
A banda non só destaca pola súa versatilidade musical, senón tamén polo seu compromiso coa dinamización da contorna e a creación de espazos para que os músicos e artistas locais poidan experimentar e “xogar”. A súa traxectoria inclúe proxectos discográficos pouco habituais no mundo da gaita. “Rumbo NE” ou “Outros compasas: Cara A” -dispoñibles nas plataformas dixitais- fusionan estilos como o swing americano, a salsa cubana ou a muiñeira galega con melodías de autor contemporáneas.
Ademais, con iniciativas como as Xornadas de Música Tradicional Nova Era, teñen fomentado o encontro interxeracional arredor da música de raíz e dinamizado a vida cultural de Verín con actividades para todos os públicos.

“oriXes. Dez anos de Nova Era”. Un documental que recolle a historia de Nova Era
Na última edición do FIC Vía XIV de Verín presentouse o documental “oriXes. Dez anos de Nova Era”, dispoñible agora tamén no YouTube. Este audiovisual, dirixido e producido por Daniel García, tamén co-director da Banda, explora a historia de Nova Era e a dos rapaces e rapazas que atoparon na música tradicional o seu espazo creativo. “OriXes” preséntase non só como unha homenaxe á banda, senón tamén como unha ferramenta de autocoñecemento que destaca o valor da música tradicional como motor cultural e social.
A un paso dos dez
Tal e como reflicte o título do concerto. a Banda de Gaitas Nova Era está a piques de cumplir a súa primeira década de vida. Malia que a data oficial é en xuño do 2025, este concerto será a antesala dun ano no que a agrupación presentará moitas sorpresas e que culminará co Concerto de Nadal 2025 do que pronto irán desvelando detalles. “Levamos tempo traballando nel e, sen dúbida, podemos dicir que será un formato diferente a todo o visto anteriormente nunha banda de gaitas”.
As entradas para o concerto deste ano estarán dispoñibles en ataquilla.com
Este concerto conta coa colaboración do Concello de Verín, Ataquilla.com e Ktorce Laboratorio Creativo.
Imaxes cedidas.