
“Somos un grupo de usuarios do parque canino situado na Avenida do Bierzo no Barco de Valdeorras. Participamos neste pleno coa intención de expoñer as carencias e deterioracións observados neste parque ao longo dos anos desde a súa construción, debido á falta de mantemento e/o aos estragos provocados por axentes climáticos etc”. Así comezaba a carta que a concelleira do PP, Dosinda Arias, lía no pleno ordinario que a Corporación municipal do Barco celebraba o pasado 12 de decembro.
Na misiva tamén se detallaban aqueles elementos ou partes deterioradas ou que necesitaban un mantemento: falta dunha fonte funcional para os cans, a porta de entrada rota, dous bancos rotos, árbores cuxo froito é perigosos para os cans, buratos en todo o recinto que causan acumulación de auga cando chove, a parte do circuíto ten zonas deterioradas, falta de iluminación… Neste senso, este grupo de usarios pedían que “se inspeccionen e se executen as melloras correspondentes ao parque canino para que cumpra a súa función de saúde e lecer, corrixindo polo menos as deficiencias que se enumeran”.
Nesta sesión, o alcalde do Barco, Alfredo García, comentaba que tomaba “nota dos desperfectos, co cal, xa estaban anotadas as solucións, que son arranxar os desperfectos. Tomamos nota, agora e irémolos velas e trataremos de arranxalas coa maior rapidez posible, se ben é certo que o Nadal é mala época para facelo porque a xente colle vacacións e demais e hai máis actuacións que facer”.
A día de hoxe, o parque canino segue presentando as mesmas deficiencias, polo que a concelleira do PP lembra esta solitude veciñal e manifesta, como desexo para este ano novo, que o grupo de goberno actúe para corrixilas.