
O Concello do Barco sacou a licitación a obra de renovación de pavimento e infraestruturas en Cesures, Fervenza e Millarouso, cun orzamento de 260.000 euros. As obras teñen un prazo de execución de 5 meses, contados a partir da firma do contrato coa empresa adxudicataria.
As actuacións que se van realizar consisten, segundo o Concello, “na renovación do pavimento nos núcleos de actuación, así como a substitución das infraestruturas de abastecemento, saneamento e rego. En primeiro lugar, procederase ao corte e demolición do pavimento de formigón existente nas zonas de actuación dos tres núcleos mencionados, e logo abriranse as gabias para realizar as substitucións das diferentes infraestruturas de abastecemento, saneamento e rego”.
En todos os núcleos de poboación, prosegue o Concello, “colocaranse tubaxes de abastecemento
de polietileno de alta densidade e conducións de saneamento de PVC. Procederase tamén á reposición ou execución de acometidas domiciliarias de abastecemento e saneamento, á instalación de válvulas de corte, e a execución das arquetas, as arquetas de rega, os pozos, os sumidoiros e colocaranse bocas de rega segundo a normativa. Tamén se procederá á reparación das redes existentes afectadas polas obras (gas, telefonía, electricidade, rega, cableados, etc.)”.
Ademais das obras xerais, en Fervenza prevese executar unha beirarrúa de lousa na Praza, que funciona como punto de reunión da veciñanza, e na que están a fonte, o centro social e unha zona de bancos de descanso, con sinalización sobre os roteiros cara á Fervenza dá Pincheira, e nos accesos á capela. En Cesures, procederase á limpeza as marxes, e s instalarase un ancho de calzada homoxéneo con pendentes ao centro, deixando cunetas naturais e muretes de cachotería, ao igual que en Millarouso”.