SanidadeÚltima hora

Eloy Sánchez asume a dirección asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Un dos seus obxectivos é estabilizar ao persoal asistencial que actualmente traballa na área e captar novos profesionais para suplir as carencias que poidan existir no momento actual

 

A Consellería de Sanidade vén de nomear a Eloy Sanchez Hernández, como novo director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras substituíndo no cargo a Abel Pallarés Sanmartín, que deixa o seu cargo por motivos persoais e retomará próximamente o seu labor asistencial como neumólogo na área sanitaria de Vigo.

O doutor Eloy Sánchez é na actualidade o xefe de Servizo de Aparato Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, un dos servizos con maior volume asistencial, cargo que viña ocupando desde xuño de 2017. Nado en Salamanca é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Salamanca. Formouse como especialista en Aparato Dixestivo, vía MIR, no Hospital Marqués de Valdecilla de Santander, onde tamén realizou a súa tese doutoral con cualificación cum laude.

Integramente vencellado a Ourense, a súa carreira profesional discorre desde 1997 na provincia de Ourense, inicialmente no Hospital Piñor e posteriormente no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Sempre relacionado coa especialidade da endoscopia dixestiva foi pioneiro en técnicas de estudo da vía biliar e pancreática. Foi coordinador da Unidade de Endoscopia Dixestiva do Complexo Hospitalario de Ourense dende 2003 ata 2017 cando pasou a asumir a xefatura do Servizo de Aparello Dixestivo.

Membro do Comité de Calidade do seu Servizo colaborou activamente na acreditación no ano 2013 como o primeiro servizo de España en obter o certificado en Calidade e Seguridade do paciente, norma ISO 9001 y UNE 179003, que avalía o esforzo dos profesionais do Servizo ourensá cara á excelencia e á mellora continua.

Implicado no desenvolvemento da especialidade de Dixestivo, é membro da Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva e da Sociedade Española de Endoscopia Dixestivo da cal ocupo no actualidade o cargo como secretario. Impulsor del Clube Endoscópico do Eixo Atlantico, do cal foi Presidente e tamén Membro de Honra, e ademais desenvolveu o labor de Presidente da Academia Médico Quirúrgica de Ourense.

Na actualidade é colaborador docente desde o ano 1998 e profesor de cursos de doutorado da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela participando activamente na docencia de pre e posgrao.

 

 

Obxectivos da Dirección Asistencial

O novo director asistencial terá como obxectivo o de “asumir a xestión da demanda de servizos sanitarios, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, desenvolvendo protocolos necesarios para unha continuidade asistencial entre os diferentes niveis, desenvolvendo unha coordinación efectiva entre a atención primaria e hospitalaria”.

Outro dos principais obxectivos é a estabilización do persoal asistencial que actualmente traballa na área ourensá e a captación de novos profesionais para suplir as carencias que poidan existir no momento actual, intentando lograr profesionais competentes e comprometidos coa asistencia.

Asemade terá a competencia de programar, dirixir e controlar a execución da actividade asistencial e coordinar a actividade das direccións dos distritos sanitarios de Verín e Valdeorras, así como de elevar á Xerencia da área a proposta dos plans anuais da actividade asistencial, investigadora e docente.

Back to top button