SanidadeÚltima hora

Os novos achados arredor da Biopsia Líquida, nun simposio coordinado polo valdeorrés Rafael López en Santiago

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaba está mañá na inauguración oficial do “X Simposio Biopsia Líquida. Camiño á oncoloxía de precisión”, que se desenvolve no Hotel San Francisco Monumento de Santiago entre o 23 e o 25 de xaneiro en Santiago. Neste acto no que remarcábase a posición de vangarda que ostenta Galicia na loita contra o cancro, sendo a primeira comunidade do sistema nacional de saúde que contará cun centro de protonterapia de carácter público.

O foro busca “poñer en valor e compartir as novidades e os achados científicos que se produciron no último ano ao redor da biopsia líquida, como conxunto de técnicas diagnósticas que axudan a optimizar a abordaxe de diferentes tipos de tumores, no camiño da oncoloxía de precisión”, segundo a organización.

En compaña do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, e do xefe de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e coordinador científico do congreso, o valdeorrés Rafael López, o titular de Sanidade puxo en valor o significativo avance que supuxeron para a oncoloxía de precisión as biopsias líquidas, mellorando a detección de células cancerosas e o deseño de tratamentos personalizados para os pacientes.

Nesa liña, expresou o seu apoio á demanda da incorporación da biopsia líquida á carteira básica do Sistema Nacional de Saúde, sempre que se faga de forma racional.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño repasou algúns dos fitos que o sistema sanitario público galego rexistrou nos últimos anos no eido da oncoloxía: a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas; a constitución, esta mesma semana, do Comité Molecular de Tumores; ou o programa de cribados poboacionais co que conta a sanidade pública galega.

“Galicia conta cunha posición avanzada na loita contra o cancro” apuntou o conselleiro, ao tempo que felicitou ao conxunto de profesionais que conforman os servizos de oncoloxía do Servizo Galego de Saúde, e ao Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional que, anualmente realiza máis de 500 probas de biopsia líquida.

Tras apostar pola investigación para avanzar no coñecemento dos procesos oncolóxicos, Gómez Caamaño agradeceu aos organizadores do Simposio de Biopsia Líquida por reunir en Santiago de Compostela, un ano máis, aos máis destacados expertos do ámbito da Oncoloxía de precisión.​

Back to top button