ConcellosQuirogaÚltima hora

Mellórase a sinalización dos recursos turísticos do municipio de Quiroga

 

Contando cunha axuda orzamentaria de 30.000 € da Axencia de Turismo de Galicia, o Concello de Quiroga, a través das áreas de Cultura e Turismo, véen de realizar diversas melloras de sinalización e interpretación dos recursos turísticos do municipio.

A maioría deste investimento centrouse no cambio dos paneis explicativos colocados en puntos destacados, como o Túnel de Montefurado, o Castelo dos Novais e en varios miradoiros. En Montefurado e O Castelo colocáronse ademais paneis con recomendacións para a visita destes espazos.

O Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio quirogués conta tamén con novos paneis, o primeiro situado en Albaredos, inicio da ruta Xacobea dentro do noso municipio. A ponte do Castelo, acondicionada no ano 2023, e outro dos lugares que conta agora cun panel explicativo no que se fai referencia ao posible paso por esta ponte do Mariscal Soult coas tropas napoleónicas en retirada durante a Guerra da Independencia.

 

 

 

Sinalizouse o acceso á entrada e á saída do Túnel Romano de Montefurado e colocáronse dous paneis na Ermida, un facendo referencia ao templo e o outro á romaría que se celebra neste lugar na honra á Virxe dos Remedios e que conta coas emblemáticas figuras do Meco e as Pampórnigas.

Os miradoiros de Castro Dares, Montefurado, Os Anguierios, Augas Mestas e A Golada (A Seara) contan con esta nova sinalización adaptada ao manual de sinalización da Xunta de Galicia en canto a dimensións e contido. As lendas dos paneis están en tres idiomas: castelán, galego e inglés.
Ademais de novos paneis, no miradoiro de Campodola mellorouse a accesibilidade, salvando o parte do chanzo existente cunha rampla. Esta pequena obra acometeuse con cargo ás arcas municipais.

 

Back to top button