
O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, presidía esta mañá o acto de presentación de Pablo Martín Lancharro como novo Director do Distrito Sanitario de Verín, nun acto no que estiveron tamén presentes, o Director Asistencial da Área Sanitaria, Eloy Sánchez Hernández, e a anterior Directora do Distrito de Verín, Guillermina Agulla Budiño, que deixa o seu cargo por motivo da súa xubilación no que levaba desde xaneiro de 2020.
Pablo Martín Lancharro exercía ata o momento como subdirector xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación asistencial dependente da Dirección de Maiores da Consellería de Política Social e Igualdade. Nado en 1970, é persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, onde desempeñou case 20 anos da súa carreira profesional en Saúde Laboral.
Martín Lancharro é doutor en Saúde Laboral pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), e tamén desde hai 5 anos asesora á Sociedade Española de Enfermería Oncolóxica (SEEO) en Saúde Laboral. Con anterioridade tamén desenvolveu o cargo da xefatura de Servizo de Calidade, Humanización, Seguridade e Formación Continuada da Consellería de Política Social.
No que respecta á súa formación académica recibiu a cualificación de sobresaliente Cum Laude coa súa tese Doutoral no Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública, da Universidade de Santiago de Compostela. É Máster en xestión clínica de unidades asistenciais pola Universidade internacional Menéndez Pelayo de Santander, Máster en Dirección de Recursos Humanos e Xestión do Talento pola Universidade Isabel I e Magister en Prevención de Riscos Laborais pola Universidade de Huelva.

Martín Lancharro tamén acumula unha ampla actividade docente e investigadora xa que desenvolveu o labor de colaborador docente de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela desde 2003 a 2011, autor de decenas de publicacións científicase capítulos de libros, investigador colaborador de proxectos de investigación así como director de teses doutorais.
O novo director dixo na súa presentación que afronta esta nova etapa cunha grande ilusión e ganas de traballar por unha sanidade pública, gratuíta, integral e equitativa e remarcou que pon ao servizo dos usuarios do Distrito Sanitario de Verín a súa experiencia adquirida durante anos como xestor en Servizos Centrais, o que lle outorga un coñecemento das necesidades dos veciños, dos pacientes e das súas familias.
Martín Lancharro agradeceu ao Xerente da Área sanitaria ourensá a confianza depositada na súa persoa e púxose a disposición dos traballadores e os seus representantes para traballar conxuntamente coma un compañeiro máis, remarcando que terá sempre as portas abertas aos alcaldes, ás asociacións veciñais e de enfermos crónicos, para unha mellora continuada.
Asemade, o novo director, comprometeuse a afrontar os retos futuros que demanda a nosa sociedade actual como son o envellecemento poboacional, os enfermos crónicos ou a hospitalización a domicilio, aproveitando ao máximo os recursos que nos ofrecen as novas tecnoloxías.
Pola súa banda Santiago Camba agradeceu o enorme traballo realizado pola anterior directora que tivo que afrontar a dura etapa da pandemia e salientou que o novo director enfrontarase a importantes retos e para iso contará cun gran equipo de profesionais. Así, sinalou que, a eficiencia na xestión de recursos e a axilización dos procesos asistencias, serán algunhas das prioridades do seu novo equipo.

Camba tamén destacou como obxectivo o de impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do sistema público ás novas necesidades da sociedade, para afrontar retos como a integración da Atención Primaria e a Atención Hospitalaria; o desenvolvemento dun modelo de Atención Primaria máis proactivo, resolutivo e próximo á cidadanía; o impulso á mellora continua do Hospital Público de Verín; a aposta por novas vías rápidas; e a xestión dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos.
O Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras tamén salientou o compromiso da Consellería de Sanidade con Verín como o amosa o gran esforzo inversor realizado nos últimos anos pola administración galega coa creación de novas infraestruturas no Hospital Público de Verín como foi a posta en marcha do Edificio de Urxencias e o PAC de Verín, a renovación da cuberta do hospital, a instalación de paneis fotovoltaicos, o investimento en equipamento como o novo equipo radiocirúrxico, novos ecógrafos, renovación das lámpadas cirúrxicas ou a total renovación do equipamento de camas, mesillas e sillóns dos pacientes.