A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaba esta mañá en Manzaneda no peche da xornada de presentación do proxecto Territorio Soutos, unha actividade organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Barco. Con esta iniciativa trátase de fomentar un novo formato de emprendemento que utiliza o talento de emprendedores e emprendedoras -locais ou urbanos- para xestar de maneira colectiva proxectos de emprendemento disruptivos que ofrezan solucións e alternativas á industria tradicional, poñendo en valor os recursos naturais da comarca.
A este respecto, o proxecto busca a fusión do talento dos emprendedores locais xunto coa sabedoría das persoas do territorio, para xerar innovación desde dentro, ensinándolles a ir máis aló do convencional, e desenvolver proxectos únicos, que devolvan o poder ao local. Concretamente Territorio Soutos ten como territorio de impacto a área xeográfica de actuación do Polo de Emprendemento do Barco, as comarcas de Valdeorras, Trives e Terra de Caldelas.
Marta Mariño destacou a importancia de creación de plans coma este, que reforcen o traballo en colectividade, consolidando así o ecosistema local de emprendemento, creando sinerxías e maximizando o impacto do polo.
A directora xeral de Traballo Autónoma estaba acompañada do persoal técnico de emprendemento do Polo de O Barco (Natalia e Félix) e coa intervención de Noemí Barrientos fundadora de León Star Up presentaron o proxecto de emprendemento innovador “Territorio Soutos”. Tamén asistían alcaldes como o de Manzaneda, Parada de Sil, O Bolo e San Xoán de Río, entre outros representantes.
A xornada concluía cunha petiscada e exposición de produtos locais de Manzaneda, conformando un espazo de diálogo aberto entre representantes institucionais e persoas interesadas en emprender das Comarcas de Caldelas, Trives e Terras de Valdeorras. Tamén se expoñían fotos do Entroido de Manzaneda, da autoría de Carlos G. Hevella, e elementos propios desta tradición, como os seus puchos.
As persoas interesadas en participar nos grupos de traballo poden poñerse en contacto no teléfono 637323055. Algúns dos retos iniciais é dar solucións ecolóxicas para o tratamento fitosanitario e/ou xerar vigor nas vides, dar solucións a subprodutos da castaña ou obtencións de alimento para gando a partir de novos cultivos, construcción e innovación coa incorporación de TICS en albarizas, así como implantación de novas tecnoloxías que parametricen o deporte do esquí e da neve.

Con estes proxectos búscase seguir impulsando a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —iniciativa pública nada en xullo de 2022— que presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico. Neste marco, o Polo do Barco, desde a súa creación no ano 2023, leva un total de 154 proxectos atendidos e case 50 actividades realizadas entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da rede resaltando que actualmente o número de mulleres emprendedoras se atopa no 53 % do total dos asesorados.
Fotos: Carlos G. Hervella/ Cedidas.
Vídeo: O SIL.