Cos votos a favor do PSdeG-PSOE (9) e do BNG (3) resultaba aprobada na sesión plenaria da Corporación municipal do Barco nesta tarde a Relación de Postos de Traballo (RPT), deste Concello. O PP dedicía absterse. “Chegamos ao final dun longo camiño que se iniciaba no 2017”, dicía o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso, “con moita historia, moitas reunións, moitos documentos de traballo, moitas xuntanzas e debate”. Cualificaba a RPTde documento “técnico, que ordena os postos de traballo do Concello e indica onde están encadrados e cantas prazas hai en cada un deses postos”.
Son un total de 132 empregados, dos que 39 son persoal funcionario e, segundo indicaba Alonso, concretando que isto supón un custo de 438.900,29 euros para o Concello. E concretaba que este documento vai estar á exposición pública para a presentación de alegacións que é recorrible.
Dende o BNG, o seu voceiro, Manuel Agra aludía aos informes negativos de Intervención e unha valoración tamén na mesma liña de Secretaría, aínda así anunciaba o seu voto favorable á RPT. Pola súa banda, o voceiro municipal do PP, Antonio Melo, sinalaba que esta RPT “é algo que levan pedindo os traballadores e alegrámonos de que se teña chegado á final do camiño”, pero, finalmente, o grupo popular abtíñase “á vista dos informes de Secretaría e Intervención”.
No pleno tamén saían adiante puntos como un recoñecemento extraxudicial de crédito de 170 xustificantes de gasto cun importe líquido de 151.652,69 euros e a delegación de competencias do Concello para a redacción, tramitación e aprobación dunha ordenanza do servizo saneamento e depuración de augas residuais no Consorcio de Augas de Valdeorras, así como a moción presentada polo BNG (cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e os votos en contra do PP) para solicitar que a Xunta cree unha Valedoría de Igualdade.
Fotos: O SIL.