O alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras adicarán hoxe e mañá a realizar varios programas de radio dende a súaa aula para loitar contra o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+, no marco do proxecto de educación en valores “Activistas polo mundo queremos” no que participan dende comezos de curso.
En obradoiros anteriores o alumnado barquense aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto en Galicia coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo. Agora os mozos e mozas, como se fosen auténticos xornalistas, tras investigar e facer os guións das súas reportaxes, locutarán e gravarán en “falso directo” os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social.
O alumnado de O Barco súmase así aos case 300 adolescentes que tamén dende Ponteareas, A Estrada e Negreira participan este ano na 12º edición de “Activistas polo mundo queremos”. Un proxecto de educación para a cidadanía global que xa chegou a 76 centros educativos, 305 profesores e profesoras e 5.075 alumnos e alumnas dende o ano 2013.
Activistas polo mundo queremos forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Na xornada deste xoves gravaros os alumnos de primeiro en dúas quendas e mañá farano os de segundo.
Fotos: Mónica G. Bellver.



