
Neste 18 de marzo no Concello de Lobios tiña lugar unha homenaxe á Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil (equipo de patrimonio), coincidindo coa reunión provincial de mandos da Garda Civil, que periodicamente se celebra en diferentes concellos da provincia. O Concello decidía facer entrega de distintivos especiais. Así a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; entregaba unha placa e varios obsequios ao capitán xefe da Unidade Orgánica e aos gardas civís integrantes do equipo de Patrimonio; polo seu traballo no esclarecemento do roubo con forza ocorrido o día 19 de xaneiro en Vilamea (Lobios). No acto estivo presente a vítima do roubo acompañado da súa familia.
Neste acto tamén participaban o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; así como efectivos da Comandancia de Ourense. Durante o mesmo, o subdelegado do Goberno destacou que esta distinción é “froito do traballo de meses de investigación e prevención que está facendo a Garda Civil non só en Lobios senón en toda a provincia, traballando por todo o rural”.

Ademais, Santos fixo fincapé na “profesionalidade” da Garda Civil e na importancia dos seus operativos, que “garanten sempre a maior seguridade dos veciños”, dixo. Lembrando tamén que aínda que se producen algúns incidentes ou actos delitivos, a maioría deles son esclarecidos polos axentes e “isto actúa como elemento disuasorio”. “A Garda Civil está facendo de Ourense unha das provincias máis seguras de España, en canto aos delitos contra o patrimonio e as persoas”, concluíu o subdelegado.