
En sesión extraordinaria urxente, celebrada o luns 24 de marzo ás 8:30 horas, o Pleno do Concello da Rúa aprobaba, cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención do Partido Popular, a conta xeral de 2023.
“Esta aprobación definitiva chega tras o seu ditame favorábel na Comisión Especial de Contas celebrada o 20 de febreiro e o período obrigatorio de exposición pública para a presentación de posíbeis alegacións, que finalmente non foron presentadas”, explican dende o Concello, avanzando que “o resultado orzamentario desprende un aforro neto de 175.392,11 euros e unha débeda activa do 22,57%, a máis baixa da historia do Concello nos últimos 30 anos”. O remanente de tesourería unha vez liquidada a conta é de 846.700,68 euros, “o que dá unha idea da solvencia económica coa que o Concello pode afrontar o que resta de ano”, din.
A alcaldesa da Rúa, Maria G. Albert, destaca que este rendemento das contas “desbloquea convenios pendentes de sinatura pero xa aprobados, que implican actuacións en servizos fundamentais como o abastecemento, o saneamento ou o Camiño de Inverno”, ao tempo que permite ao Concello da Rúa “acceder ás subvencións de concorrencia competitiva que no 2024 non se puideron solicitar e que inclúen a contratación de persoal temporal, a realización de obras de mellora enerxética a través do Fondo de Cooperación Local ou a mellora de instalacións deportivas e culturais, entre outras”.



