En portadaSanidadeÚltima hora

Asilival acorda en asemblea pedir un neumólogo 5 días á semana no Hospital de Valdeorras

Numerosas persoas asistían a esta primeira reunión da Asociación de Silicosis de Valdeorras que busca defender os intereses dos afectados por esta enfermidade

 

O salón de actos do edificio Multiusos do Barco quedábase pequeno para acoller á multitude de persoas que acudían á primeira asemblea convocada pola Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival). A directiva, que preside Jose Rodríguez, comezaba expoñendo os obxectivos e fins cos que nace esta entidade, entre eles, o de revindicar a asistencia sanitaria dun neumólogo no Hospital Público de Valdeorras, no Barco, para todos os afectados de silicose, así como “a búsqueda de información e formación sobre saídas laborais para os que teñan un 55% e queiran traballar”, ademais de “impulsar as boas prácticas nas canteiras e propor solucións. Esperamos entre todos ter ideas e levalas a cabo”.

Ademais comentábase a alta incidencia de silicose que existe na comarca, que sobresae tanto a nivel galego como nacional “e a incidencia segue subindo”, dicía o presidente de Asilival, que tamén daba conta do abordado nas xuntanzas mantidas ata de agora con representantes da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, “nas que non quixeron dar ningún tipo de datos sobre canta xente ten esta enfermidade e nos venderon fume”.

 

 

Así mesmo, Jose Rodríguez expoñía a demanda que se lle facía á xerencia con respecto á atención en Valdeorras: “un neumólogo 5 días á semana no Hospital do Barco, de luns a venres, de aí non nos imos mover e se non nos fan caso, pois sairemos ás rúas”. Esa proposta era votada en asemblea e respaldada de forma unánime e entre aplausos. “Sabemos que é difícil pero esta é unha loita que imos iniciar entre todos e por saúde”. Nese senso, tamén se acordaba darlle 15 de prazo á xerencia da área sanitaria ourensá para unha nova reunión.

Ao longo da asemblea, que se desenvolvía de maneira moi participativa, interviñan tamén o resto de membros da directiva, comentando, entre outras cuestións o prodecemento a seguir para as persoas que queiran facerse socio, que poderán pasar polo local da asociación (cedido polo Concello do Barco) no primeiro andar do Chao, en horario de 10h. a 12h. e de 17h. a 19h.), así como o prezo da cota: 20 euros ao ano.

Por outra banda, tamén se explicaba que se iniciarán a partir de agora unha serie de reunións e xestións con outras entidades, e mesmo cos concellos, de cara a avanzar nos obxectivos da asociación e tamén se pretende incorporar un avogado á Asilival para ofrecer cobertura legal aos seus asociados.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button