ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O Concello de San Xoán de Río recoñece á médica arxentina Graciela Varela co Premio Río Lonxevidade

 

Se Ourense é unha referencia mundial de lonxevidade, San Xoán de Río é a evidencia empírica. Non só por ter unha das taxas de lonxevidade máis altas de Ourense, senón tamén polas políticas que impulsa desde o goberno local e pola súa actividade investigadora sobre todo o que ten que ver coa lonxevidade e a calidade de vida das persoas maiores.

Así xurdiu o Festival da Lonxevidade, que este ano celebra a súa segunda edición e reúne de novo expertos nacionais e internacionais. Entre os internacionais figura a doutora Gabriela Varela, que mesmo foi recoñecida co Premio Río Lonxevidade pola súa traxectoria na investigación e na promoción dun envellecemento saudable, cun enfoque especial na neurolonxevidade: o coidado da saúde cerebral para preservar a memoria, a autonomía e a calidade de vida a medida que avanzan os anos. A entrega do galardón abriu o Festival Río Lonxevidade e a Semana dos Coidados.

Médica pola Universidade Nacional de Tucumán, en Arxentina, Varela exerce desde o ano 2000 e desenvolve a súa actividade nos ámbitos da medicina funcional, integrativa e de precisión. Nos últimos anos orientou boa parte do seu traballo ao envellecemento saudable e á prevención do deterioro cognitivo, cunha perspectiva que aborda a saúde cerebral ao longo de toda a vida. O premio pon o foco nesa dedicación e nunha visión da lonxevidade que vai máis alá de sumar anos: conservar a capacidade de decidir, manter os vínculos e chegar a idades avanzadas con autonomía e benestar. Entre as súas áreas de traballo figuran a saúde cerebral, a microbiota intestinal e o metabolismo, os hábitos de vida e os factores biolóxicos relacionados coa lonxevidade.

Varela é de ascendencia galega, pois o seu avó emigrou á Arxentina. Á súa práctica clínica súmase unha ampla actividade docente. Varela leva máis de dúas décadas formando médicos e profesionais da saúde e participa en programas de capacitación en Arxentina, Latinoamérica e España. Desde 2007 dirixe Espacio Vital, un centro de medicina funcional, integrativa e de precisión con actividade en Tucumán e Buenos Aires.

Ademais de participar no Festival da Lonxevidade e recibir o premio, a doutora está en San Xoán de Río para investigar o patrimonio saudable da localidade. Os alimentos, as tradicións e os recursos naturais que forman parte dese legado benefician a saúde física e a calidade de vida e, no caso de Río, tamén se relacionan coa súa inusual taxa de lonxevidade. “O patrimonio saudable de San Xoán de Río non se pode perder e hai que trasladalo a outras comunidades e tamén aos cativos. Os centenarios de San Xoán de Río ensínannos unha suma de variables que son as que fixeron que vivan máis de cen anos”, explica. Engade un problema actual: “os netos non seguen os patróns dos seus avós”.

O panel de expertos internacionais complétase este ano coa presenza de Gustavo Cajiao, CEO e fundador de Starbien, unha plataforma enfocada en redefinir a saúde mental e emocional. A eles súmanse Eduardo Navarro, en calidade de director de márketing de Starbien, e Pablo García Vivanco, farmacéutico, dietista e divulgador.

Cajiao trasaladou unha reflexión que impactou nos asistentes: “Nunca antes tiñamos sabido tando do mundo e tan pouco de nos mesmos. Somos a xeración máis preparada da historia, pero seguimos sendo analfabetos emocionais”. Polo tanto, avogou por que “a saúde emocional e mental deixe de ser un privilexio e se convirta nunha oportunidade”.

Pablo García Vivanco chamou a atención sobre o descenso do consumo de comida fresca en Galicia, o que non impide que sexa tres veces superior á media de España. “Aínda así, temos que facer autocrítica, porque a nosa forma tradicional de comer é un tesouro que temos que preservar”, indica, ao tempo que o vincula directamente co “patrimonio saudable, preservado ao longo dos anos polas mulleres do rural, especialmente”. Engade un segundo motivo no caso de Ourense: “ser a provincia de España cun maior número de hortas de autoconsumo”.

Eduardo Navarro presentou dous novidosos proxectos en San Xoán de Río destinados a medir e mellorar a convivencia e o benestar da súa veciñanza, cun sistema de recompensas que se iniciou hoxe coa inauguración dun banco-escultura e que continuará co sorteo de voos en avioneta, entre outras iniciativas.

A modo de conclusión, o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez Blequa, reafirmouse en que “o motor económico de San Xoán de Río ten que ser a lonxevidade e, concretamente, o turismo centrado nela, tanto para as persoas maiores que xa viven no municipio ou poidan vir como para a xente nova que nos visite para ver e vivir sobre o terreo este tipo de experiencias”. Para o alcalde, non hai ningunha dúbida de que un lugar como San Xoán de Río “ofrece hoxe unha calidade de vida para a xente maior moi superior á dunha gran cidade, pois ofrece servizos de calidade e unha contorna de confianza onde todos se coñecen, que é o que buscan os nosos maiores”.

O Festival da Lonxevidade, que chega á súa segunda edición, está organizado e impulsado polo Concello de San Xoán de Río e financiado pola Deputación de Ourense.

Back to top button