
A situación da sanidade pública era un dos temas que se debatía no pleno celebrado o 3 de abril no Barco, no que o grupo municipal do BNG presentaba unha moción de apoio á manifestación de SOS Sanidade pública que terá lugar o vindeiro 6 de abril en Santiago en defensa dunha “sanidade pública e de calidade”.
A exposición da iniciativa corría a cargo da concelleira nacionalista Noa Fernández, que comezaba expoñendo unha serie datos da atención sanitaria no Distrito do Barco, con alusións ás listas de agarda no Hospital de Valdeorras, “co peor tempo de espera da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco”, que se debe á falta de especialistas; á “falta da atención pediátrica no Centro de Saúde no Barco” ou á necesidade de crear en Valdeorras unha unidade especializada en silicose, “unha demanda que levamos ao Parlamento galego e que levamos esixindo reiteradamente en diferentes lexislaturas e todos sabemos sabemos que a resposta do goberno da Xunta foi unha negativa, o que cal levou a fundar recentemente a asociación Asilival”. Tamén aludía ás previsións de xubilación do persoal médico nos próximos dez anos, “pero o PP sabe dende hai anos que faltan profesionais para cubrir todas as prazas existentes e por cubrir estas próximas vacantes por xubilación. Non se planificou nin a curto, nin medio, nin longo prazo”.
Tamén aseguraba a concelleira do BNG que o Sergas segue “practicando a temporalidade, a precariedade e o abuso laboral. Arredor do 50% do persoal de enfermería e de facultativos son temporais e a Atención Primaria está secundarizada, desprestixiada e cunhas listas de espera de semanas”.

A súa intervención concluía coa lectura dos acordos da moción, propostos pola plataforma SOS Sanidade: “apoiar ás reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública e instar ao goberno municipal a difundir a través dos medios ao seu alcance a manifestación do 6 de abril en Compostela”.
Dende o PP, a concelleira Maite Estévez, asegurando que a plataforma que promove a manifestación “é unha entidade fondamente partidista que non ten interese algún pola mellora da sanidade pública, senón que ten como obxectivo exclusiva acabar coa Xunta e co PP. Está plataforma está apoiada polos sindicatos e partidos de esquerdas de cada territorio”. No caso de Galicia mencionaba ao seu voceiro, un médico, que “foi asesor do goberno bipartito”. Tamén dicía a concelleira popular que esta moción do BNG “parte de premisas erróneas, non houbo recortes na sanidade pública nin un aumento da sanidade privada. Ambas afirmacións son falsas e poden desmentirse cos orzamentos da Xunta. O orzamento do Sergas aumentou un 45% en relación co aprobado non bipartito no 2009”. E matizaba que unha boa parte dese investimento ía a persoal e que neste ano tamén se incrementaba o orzamento destinado a Atención Primaria.

Dende o PSdeG-PSOE tomaba a palabra o concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra. “Os concellos do Distrito Sanitario de Valdeorras constatamos dende hai tempo con preocupación o deterioro progresivo da sanidade pública, opacidade na xestión dun servizo público de primeira necesidade”. Tamén falaba de “abandono das infraestruturas hospitalarias, centros de saúde de atención primaria, tanto nas súas instalacións como dos seus recursos humanos”. Saavedra incidía en que a creación da área sanitaria única a nivel provincial “non serviu como ferramenta para potenciar a calidade da asistencia sanitaria nas comarcas de Valdeorras, Trives e Viana. A integración só serviu para constatar que somos periferia marxinal e que non hai idea de xestión con respecto ao noso territorio. Non perciben as nosas necesidades e non hai proxecto de futuro para a sanidade do Distrito do Barco e non se escoita aos profesionais, nin aos pais e nais pola falta de pediatras, ou aos representantes de Asilival, nin á cidadanía que se ten manifestado en diferentes ocasións, nin aos concellos”. Neste senso, pedía que se explique cales son os plans da administración sanitaria e “rendan contas da xestión, obxectivos e resultados”. E lembraba que o PSdeG pon a disposición da cidadanía un autobús para aqueles que queiran achegarse á manifestación de Santiago.

Finalmente, a moción resultaba aprobada cos votos a favor do PSdeG-PSOE (9) e BNG (3) e cos votos en contra dos 5 edís do PP.
Altri
Nesta mesma sesión plenaria o BNG presentaba outra moción relativa á de cara a amosar o rexeitamento da Corporación barquense con respecto “ao proxecto de construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei”, que defendía o voceiro municipal do BNG, Manuel Agra, que comentaba que ese proxecto “acendeu todas as alarmas da sociedade galega cando se soubo que a empresa escollera Galiza para se instalar como segunda opción, unha vez que non lle era posíbel facelo en Portugal” e pedía, entre os seus acordos “expresar a oposición da corporación á megacelulosa contaminante de Altri, dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría, así como para o río Ulla e a ría de Arousa”.
Esta moción recibía o respaldo do PSdeG-PSOE e do BNG, que votaban a favor, fronte aos 5 votos en contra do PP, polo que resultaba aprobada.

Fotos: O SIL.