
A Ruta do Viño de Valdeorras, coa colaboración da Deputación de Ourense, convida a locais e visitantes a mergullarse nunha proposta exclusiva que fusiona a alta gastronomía cos viños máis selectos da rexión, todo iso acompañado de música en vivo para unha velada inesquecible.
Durante os meses de abril, maio e xuño, algúns dos restaurantes e espazos máis emblemáticos de Valdeorras converteranse en escenarios onde a cociña e a enoloxía daranse a man en comidas e cea maridaxe. Cada prato foi coidadosamente deseñado para resaltar os matices dos viños de recoñecidas adegas como Roandi, D’ Berna, Alan de Val, Viñaredo, Godeval, Quinta da Peza, Joaquín Rebolledo, Melillas e Sampayolo.
Os restaurantes participantes son Esconditte Inglés, Pazo do Castro, Cova da Xabreira, Complexo Hostaleiro Paladium, Hotel Calzada e a Capilla.
Cada unha destas citas ofrecerá unha experiencia sensorial completa na que os chefs compartirán cos asistentes os segredos detrás das súas creacións culinarias, mentres que enólogos e adegueiros desvelarán os detalles que converten cada combinación nunha maridaxe perfecta.

Ademais, a velada estará amenizada con música en vivo a cargo de artistas e grupos da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras (AMAVA). A primeira destas comidas maridaxe terá lugar o vindeiro sábado 12 de abril no Escondite Inglés, onde se poderá degustar un menú maridado con viños e licores das adegas Alan de Val e D’Berna. Ao finalizar a comida haberá unha actuación a cargo do grupo Nem Rock.
As prazas son limitadas, polo que se recomenda reservar con antelación directamente nos restaurantes participantes.