CulturaCulturaÚltima hora

Ponse en marcha un programa piloto para a apertura de igrexas románicas na provincia de Lugo

Está impulsado dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Diócese de Lugo

Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño./ Foto: Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

 

A Ribeira Sacra alberga unha das maiores concentracións de arte románico rural de Europa, o que a converte nun destino de gran valor patrimonial e cultural. As súas igrexas destacan non só pola súa impoñente arquitectura exterior, senón tamén pola riqueza dos seus interiores, onde se conservan valiosas pinturas murais, retablos e outros elementos artísticos de gran interese.

Con todo, na provincia de Lugo, a dispersión xeográfica destes templos limita a súa accesibilidade ao público. Por iso, para facer fronte a esta situación, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diócese de Lugo, pon en marcha un programa piloto que “facilitará abrir ao público unha selección de igrexas nesta provincia. Esta iniciativa busca ofrecer unha solución sostible a medio e longo prazo, adaptable en función dos resultados e a valoración dos visitantes”, explican dende ambas entidades.

A data de inicio do proxecto será o sábado 12 de abril e estenderase ata finais do mes setembro con visitas semanais as igrexas de San Pedro de Bembibre (Taboada), San Xoán da Cova (Carballedo), San Miguel de Eiré e San Vicente de Pombeiro (Pantón), San Xillao de Lobios e San Vicente de Pinol (Sober), Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao).

A Diócese de Lugo, propietaria de bens de diversa índole no territorio de Ribeira Sacra é responsable do mantemento dos bens anteriores e do persoal ao seu cargo. Labor que realiza mediante fondos propios e tamén procurando a colaboración das administracións civís en cumprimento da normativa de patrimonio cultural vixente.

Pola súa banda, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra asume, pola súa parte, con cargo ao “Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua” (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NEXTGENERATIONEU), o custo económico do proxecto. En concreto, os gastos do persoal encargado de abrir as igrexas e de recibir aos visitantes, os gastos de deseño gráfico, maquetación e produción dos soportes de comunicación, a contratación de publicidade, etc.

A reserva da visita poderá realizarse a partir do vindeiro luns a través da web do Consorcio (https://turismo.ribeirasacra.org/es/noticias/prueba-piloto-apertura-deiglesias) e terá unha tarifa base de 2€ por persoa, destinados a contribuir ao sostemento dos gastos de conservación e mantemento das igrexas.

O proxecto piloto contempla diversas condicións de gratuidade e posibles bonificacións para grupos. O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra será responsable da organización das visitas, garantindo a correcta atención aos visitantes e a coordinación coa Diocese de Lugo e as parroquias locais.

“Con esta iniciativa, a Ribeira Sacra dá un paso mais na posta en valor do seu excepcional patrimonio románico na provincia de Lugo, facilitando o seu acceso a visitantes e promovendo un turismo cultural sostible e respectuoso coa contorna”, din dende o seu consorcio de turismo.

Condicións de visita:

– Tarifa xeral: 2€ por persoa e igrexa
– Bonificacións: para grupos ata 25 persoas x igrexa
– Entrada gratuita para:
o Menores de ata 12 anos acompañados dun adulto
o Membros acreditados do ICOM (International Council of Museums) ou
ICOMOS (International Council of Monuments)
o Guías de turismo profesionais debidamente acreditados
o Titulares da Tarxeta Acreditativa de Discapacidade (tamén o
acompañante en caso de baremo de terceira persoa recoñecido)
o Persoas desempregadas con acreditación oficial
o Residentes no mesmo concello (con DNI, padrón ou contrato de
arrendamento en vigor)
Horarios

MARTES IGREXAS
10:00-12:00 Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
12:30-14:00 San Xoan da Cova (Carballedo)
16:00-18:00 San Vicente de Pinol (Sober)
18:30-20:00 San Xillao de Lobios (Sober)

MÉRCORES
10:00-12:00 San Miguel de Eiré (Pantón)
12:30-14:00 San Vicente de Pombeiro (Pantón)
16:00-18:00 San Pedro de Bembibre (Taboada)
18:30-20:00 Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)

XOVES
10:00-12:00 Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
12:30-14:00 San Xoan da Cova (Carballedo)
16:00-18:00 San Xillao de Lobios (Sober)
18:30-20:00 San Vicente de Pinol (Sober)

VENRES
10:00-12:00 San Miguel de Eiré (Pantón)
12:30-14:00 San Vicente de Pombeiro (Pantón)
16:00-18:00 Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)
18:30-20:00 San Pedro de Bembibre (Taboada)

SÁBADO
10:00-12:00 San Vicente de Pinol (Sober)
12:30-14:00 San Xillao de Lobios (Sober)
16:00-18:00 Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
18:30-20:00 San Xoan da Cova (Carballedo)

DOMINGO
10:00-12:00 Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)
12:30-14:00 San Pedro de Bembibre (Taboada)
16:00-18:00 San Vicente de Pombeiro (Pantón)
18:30-20:00 San Miguel de Eiré (Pantón)

Back to top button