ConcellosParada de SilÚltima hora

Menor destaca o “modelo turístico sostible” de Parada do Sil nunha visita a este concello da Ribeira Sacra

O presidente da Deputación de Ourense coñecía a Casa Museo do Chocolate, único espazo dedicado a este produto que hai en Galicia, e o resultado da intervención realizada nunha das fachadas da residencia de maiores

 

Ata o concello de Parada de Sil, na Ribeira Sacra ourensá, viaxaba esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. Alí reuníase con representantes do Concello, entre eles o seu alcalde, Aquilino Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Paco Magide, e visitaba lugares como a Casa Museo do Chocolate en Teimende, pola que pasan preto de 8.000 usuarios ao ano e no que a institución ourensá colaborou con axudas de 47.000 euros para a súa xestión e mantemento. Alí escoitou as explicacións sobre o proceso de fabricación e distribución do chocolate como se facía no século pasado, a través dunha explicación no museo instalado en Teimende, único espazo destas características existente en Galicia.

Despois ía ata a residencia xeriátrica “Luces do Sil,  onde se realizou unha intervención no revestimento dunha das fachadas do centro, traballos financiados pola Deputación no marco do plan CooperOU, co que Parada de Sil se beneficiará de preto de 670.000 euros en axudas ata o ano 2027.

 

 

Logo Luis Menor achegábase ata a Oficina de Turismo e á Casa Consistorial, onde asinaba no libro de honra do Concello e, tras manter unha reunión de traballo, poñía en valor a colaboración institucional, máis aló de signos políticos, así como os servizos que presta Parada de Sil, con investimentos que “teñen retorno en forma de desenvolvemento socioeconómico e atención á veciñanza”.

Esta xuntanza é mostra de que “hai un interese común e un ámbito de entendemento, os grandes temas do concello non teñen bandeira política”, comentaba Menor, que tamén admiraba o labor que se ten feito neste concello “polas diferentes corporacións” e que teñen apostado por reverter tendencias na loita contra “o envellecemento e a despoboación, pola actuación planificada con obxectivos concretos por parte dos equipos de goberno”.

 

 

Ademais de referirse a “esa atención aos cidadáns e ás infraestruturas” por parte do Concello, Menor tamén asegura que “hoxe Parada de Sil é un exemplo concello que aposta por un modelo turístico e por unha especialización turística absolutamente respectuosa co seu entorno, non en van ten recoñecida a defensa dos valores medioambientais coa bandeira verde”. Ao mesmo tempo destacaba a súa capacidade para aproveitar “as súas posibilidades naturais e patrimoniais e recursos”.

Pola súa banda, o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, agradecía a visita do presidente da Deputación, “algo que lle permite coñecer de primeira man as necesidades deste concello que son bastantes, baixo o meu punto de vista, e tamén lle agradezo o esforzo que fai a Deputación no día a día con investimentos neste concello. Este é o funcionamento como ten que ser das institucións que están ao servizo da veciñanza, neste caso, de Parada de Sil”.

 

 

Menor comentaba que tomaba nota das demandas de Parada de Sil e lembraba que a Deputación de Ourense financiará obras durante o mandato actual preto dun millón de euros en obras e servizos. “Escoitamos as demandas de Parada de Sil e trataremos de atendelas do mellor xeito posible e nós faremos unha aposta firme por este concello”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button