
Vilamartín de Valdeorras estase xa preparando para celebrar por todo o alto as festas patronais na honra a San Xurxo, cun completo programa musical, relixiosos e cultural que, por segundo ano, incluirá a recuperación e posta en valor do patrimonio vitivinícola, cunhas xornadas en torno á vide e ao viño, na fin de semana do 26 e 27 de abril.
Para o sábado día 26 está prevista unha demostración polo grupo de enxertadores na praza Xosé Lois Núñez durante a sesión vermú cos Charangaiteiros. E ese mesmo día, ás 19 horas, haberá unha conferencia sobre “A marabillosa historia do viño de Valdeorras” a cargo do periodista Luís Congil e do presidente da Asociación Galega de Sumilleres Juanjo Figueroa. Será no Centro Sociocultural Santa Lucía e contará asemade coa intervención de Isidro García Tato, científico Ad Honorem do CSIC e membro de mérito do IEV.

E xa o domingo día 27, ás 19 horas, terá lugar unha cata conmemorativa do 80 aniversario da D.O. Valdeorras que contará coa intervención do presidente do C.R.D.O. Marcos Prada e do seu director técnico Jorge Mazaira. Será na Adega O Cabalín e terá un prezo de 10 euros. As inscricións deberán facerse no Concello de Vilamartín entre o 14 e 22 de abril de 9:30 13:30 horas.




