
O Concello do Barco pon en marcha unha nova edición do proxecto “Flores no Camiño”, para o que, ao igual que nos anos anteriores, esta administración local solicita a participación dos residentes nas rúas do municipio polas que transcorre o Camiño de Inverno.
“Poranse a disposición dos habitantes desas rúas -que teñan balconadas ou terrazas apropiadas- plantas de flores de diferentes especies. En total, entregaranse un máximo de 1.500 plantas, de cinco especies diferentes (petunias, surfinias, xeranios, conchitas e verbenas) para axudar a engalanar os edificios situados no Camiño. Cada vivenda recibirá un máximo de 6 plantas, das especies que prefira”, segundo indica o Concello.
Os interesados poderán solicitar a súa participación no proxecto ata o día 21 de abril, no teléfono 604 07 69 18, ou de xeito presencial na Oficina de Turismo do Concello do Barco.
As plantas serán entregadas o día 26 de abril, de 10,00 a 13,00h. horas na Praza de Abastos da vila. Os solicitantes só terán que se comprometer a completar con flores propias o total das súas balconadas ou terrazas.
