
A Feira do Viño de Quiroga está próxima e así se lembraba esta mañá a Confraría do Viño de Quiroga co seu tradicional desfile pola rúa Real. Baixo ameaza de choiva, uns minutos antes da unha do mediodía os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro), acompañados do Grupo de gaitas O Recanto, percorreron a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga.
Este solemne acto está presidido polo Confrade Maior, o alcalde quirogués José Luís Rivera Castro; e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez. Ademais forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación.

Este ano o desfile contaba cun número maior de integrantes, posto que foi o primeiro acto oficial no que participaron os novos membros da institución vitivinícola que tomaron posesión do seu cargo no pasado mes de marzo.
Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio celebraban a súa asemblea anual nas instalacións do Museo Etnográfico.
Fotos cedidas.
