
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vén de informar, a través dunha nota de prensa, de que “conta xa cunha nova Unidade de Atención á Silicose e ás enfermidades pulmonares intersticiais difusas, que permitirá coordinar os recursos da rede Sergas, facilitando o acceso e axilizando o diagnóstico destas patoloxías, priorizando a realización de probas ou consultas no centro máis próximo ao paciente”.
Para detallar aos profesionais e pacientes do Distrito Sanitario de Valdeorras “os pormenores do novo circuíto asistencial, o pasado 8 de abril, o director de procesos asistenciais da Área, Eloy Sánchez, mantivo sendas reunións cos profesionais de atención primaria da bisbarra, no Centro de Saúde de O Barco, e no Hospital Público de Valdeorras, co Servizo de Medicina Interna, ambos cun papel clave na captación de casos e derivación á unidade. Ese mesmo día convocouse aos representantes da asociación de pacientes, que declinaron a oferta a reunirse para recibir información”, segundo informa a xerencia da área sanitaria ourensá.
“Ademais da coordinación dun amplo colectivo de especialistas de toda a Área, o Hospital Público de Valdeorras conta xa cunha profesional clave para o bo funcionamento da unidade: unha enfermeira xestora de casos, que centralizará as necesidades dos pacientes e coordinará o seu proceso asistencial, derivándoos ao servizo que requiran en cada momento, e facilitando a realización de probas ou consultas no centro máis próximo aos pacientes”, aseguran dende a xeración da área sanitaria.