Catro son concellos da provincia de Ourense que acollen a iniciativa “Mercado en rural con porco celta”, plantexada para incentivar o consumo desta raza autóctona nas prazas de abastos.
Despois de estar na cidade de Ourense e en Ribadavia, a proposta chegaba ao Barco de Valdeorras na mañá deste martes 22 de abril, cunha praza de abastos transformada nunha cociña na que o porco celta foi o protagonista. Alí a veciñanza que se ahegaba ata a praza atopábase cunha degustación a cargo de Samuel Moreno, do Restaurante O Campanario de Luíntra de tres pinchos: empanadiña de grelos con carrillera guisada de porco celta e escuma de San Simón, papada de porco celta a baixa temperatura con caviar a e súa salsa e “cochinillo” de porco celta frito con parmentier trufada e verzas.
Ao acto, promovido polo Inorde e pola Asociación de Produtores de Porco Celta (Asoporcel) coa colaboración de Cociña Ourense e o Concello do Barco, acudían representantes das distintas institucións e tamén tres produtores de Porco Celta na provincia.
En representación de Asoporcel, Cruz Castro daba a benvida sendo a encargada de presentar a degustación de Porco Celta “a única raza autóctona de porcino que está en perigo de extinción”, sendo o obxectivo da asociación, a súa conservación. “Cremos que non hai mellor maneira de conservala que consumíndoa e por iso se nos ocorreu organizar estas xornadas que rematarán Xinzo de Limia o día 28 de abril”, dixo.
En nome da Deputación, a deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González destacou que con esta iniciativa a “Deputación pretende achear ao rural o noso, e nada máis noso que o porco que forma parte da vida dos galegos dende tempo inmemorial, poñendo en valor o Celta, unha raza que non busca rendibilidade, senón calidade”, dixo felicitando aos criadores porque “dá moito traballo e pouco proveito económico pero si de calidade e sobre todo mantemento do noso”, asegurou dando paso aos criadores: Raquel Méndez de Rubiá, José Hervella de Manzaneda quen ademais ten un posto na propia praza de abastos do Barco; e Martín Touceda de Cenlle. Os tres loaron as cualidades do Porco Celta, destacando, máis alá da calidade alimentaria os beneficios que aporta a súa cría, pois manteñen limpa a zona na que están, moi importante en zonas de risco de incendios.
Por parte do Concello do Barco asistían o tenente de alcalde Aurentino Alonso que loou as prazas de abastos que seguen vivas; e a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta.
Antes da degustación propiamente dita, amenizada pola voz e o teclado de Nerea Jiménez (AMAVA), o cociñeiro explicaba aos presentes o que ían degustar, destacando que cando chegou a Galicia namorouse desta raza. “Non ten nada que envexar ao Ibérico, de feito dende que estou aquí (son estremeño), non o volvín usar”.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.