Ata tres premios vén de conseguir o alumnado do IES Martaguisela do Barco no Concurso de Oratoria Intercentros, cuxa final se celebraba ademais neste instituto valdeorrés ao longo da mañá deste 24 de abril. Ademais dos estudantes deste centro, tamén competían alumnos dos institutos Xograr de Sarria e Río Cabe de Monforte de Lemos de 1º e 2º de ESO, 3º e 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato.
Malia que á final chegan nove rapaces de cada un dos cursos, este concurso implica a todo o alumnado dos institutos, xa que se realiza unha primeira selección por aulas e unha final dentro de cada IES da que saen os representantes da gran final que compiten cos outros centros. A proba que se fai consiste en falar en galego durante un minuto cronometrado dunha palabra tamén galega escollida ao chou.
Marta Cortés abría o acto da final a partir das 10:15h. cunha presentación na que agradecía a presenza dos centros participantes e tamén das autoridades (o xefe territorial da Conselleria de Educación en Ourense, a coordinadora provincial de Normalización Lingüística de Ourense e a concelleira de Cultura do Barco) resaltaba que “somos afortunados de ter unha lingua propia para comunicarnos” e que isto “é unha enorme riqueza”. A partir de aí comezaba o concurso propiamente dito, cuxos ganadores se daban a coñecer nada máis terminar a competición.
Os premiados nesta edición, por categorías, son os seguintes:
1ª categoría:
Darío Núñez (IES Martaguisela)
Helena González (IES Xograr)
Xulia Pombo (IES Xograr)
2ª categoría:
Valentín González (IES Martaguisela)
Verónica Caplea (IES Río Cabe)
Miguel Rois (IES Río Cabe)
3ª categoría
Anxo Sobrado (IES Xograr)
Demetrio González (IES Río Cabe)
Mario Prada (IES Martaguisela)
Este ano o agasallo para os finalistas e trofeos para os 9 gañadores estaba elaborados en lousa, “para que leven un recordo do que nos é propio. Nas lousas plasmamos unha imaxe que identifica aos tres centros, un río como elemento natural presente nas tres localidades”, comenta Marta Cortés.

Ademais do concurso, esta final constitúe unha xornada de convivencia entre os tres institutos. Así, despois do concurso, os participantes, acompañados dos seus docentes, realizaban unha visita guiada polo Barco, con paradas en diversos puntos como o Paseo do Malecón, o Porto da Barco ou a praza Otero Pedrayo de Viloira. Tamén está previsto un xantar de confraternización.
Fotos: Mónica G. Bellver/ cedidas.
Vídeos: Mónica G. Bellver.